Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
JOSÉ GÓMEZ FANDIÑO TOMOU POSESIÓN NO PLENO DO SEU CARGO COMO CONCELLEIRO DO BNG
O edil nacionalista asumirá as áreas de Xestión Orzamentaria, Promoción Económica e Polígonos industriais trala renuncia de Pablo Villamar á súa acta de concelleiro, o pasado mes de xullo
Narón, 27 de setembro de 2018. O nacionalista José Gómez Fandiño tomou esta mañá posesión do seu cargo como concelleiro da corporación local naronesa, trala renuncia do exportavoz da formación na cidade, Pablo Villamar, o pasado mes de xullo. Fandiño asume as concellerías de Promoción Económica, Xestión Orzamentaria e Xestión de Polígonos, que ostentaba o seu predecesor. Os cambios na corporación local afectan tamén aos titulares e suplentes dalgunhas comisión informativas, entidades e á Xunta de Portavoces, ao asumir a portavocía do BNG a concelleira Teresa Sabio. Á sesión plenaria foi tamén unha declaración institucional sobre a atención a mulleres con endometrose, unha doenza inflamatoria de orixe descoñecida. A iniciativa partiu da asociación querENDO e a través da mesma ínstase ao Sergas e ao EOXI a establecer xornadas de formación sobre esta enfermidade, garantir consultas específicas; á Consellería de Sanidade a recoller as demandas do colectivo e ao Ministerio de Sanidade a convocar un Consello interterritorial para abordar este tema. Pola súa banda, o Concello de Narón comprométese a impulsar unha campaña informativa sobre a endometriose entre mozas de 12 a 18 anos nos centros de ensino da cidade. A corporación local aprobou tamén hoxe un convenio coa Universidade da Coruña para o servizo de transporte escolar durante para os cursos 2018-2019, 2019-2020, 2020-2021 e 2021-2022, para manter o bono bus universitario e facilitar o transporte dos estudantes de Narón matriculados nas facultades da UDC no campus da Coruña. As liñas fundamentais dos orzamentos de 2019 foron outro dos temas sobre os que se deu conta na sesión plenaria, un documento estimativo cunhas previsións de ingresos e gastos sobre o que se está elaborando o documento contable do vindeiro ano. Na orde do día incluíuse tamén a aprobación dunha modificación do convenio de colaboración entre os concellos de Ferrol e Narón para a implementación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado Ría de Ferrol Cidade 2020. Esta iniciativa aposta polo desenvolvemento urbano sustentable integrado de ambos concellos, a través de proxectos que se impulsarán con cargo á segunda convocatoria do programa Feder da Unión Europea. O concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, explicou sobre este punto que se trata dun erro procedemental que o Ministerio solicitou corrixir e que implicou algunha variación no convenio entre Ferrol e Narón, pero non aos investimentos previstos, que rondarán os tres millóns de euros na cidade. No apartado de mocións, o PP presentou unha solicitando melloras en varios viais das zonas do Alto e Santa Icía. O portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, recordou aos populares que se trata dun área de reparto, o que derivaría, en caso de desenvolverse, en cargas económicas para os propietarios de terreos na zona, en calidade de promotores desa área de reparto. Na mesma liña se manifestou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que recordou que no Concello existen 54 áreas de reparto e a intervención nos termos que plantexan os populares podería representar “unha discriminación con respecto ás outras”. Ferreiro incidiu en que “sabemos que hai que actuar nesa zona e xa o estamos facendo” e así o constatou tamén Sánchez Fojo, que enumerou investimentos en licitación –melloras viarias, de accesibilidade e de eficiencia enerxética- na zona valorados en máis de 300.000 euros (nas rúas San Carlos, Portonovo, Grove, Cangas, Tui e A Garda, entre outras). Os populares levaron ao pleno unha segunda moción sobre a promoción de accións formativas que se aprobou ao incorporarse unha enmenda do grupo de goberno, para seguir promovendo accións formativas no Concello. “O noso obxectivo e continuar ofrecendo todos os recursos posibles ás persoas empadroadas en Narón en materia de formación, neste caso, e dentro das nosas competencias”, asegurou a edil responsable da área, Natalia Hermida. O Grupo Mixto presentou a través de ENE unha moción pedindo a modificación da instalación contraincendios do edificio do Concello e do Pazo da Cultura que tamén saíu adiante, e fóra da orde do día aprobouse unha presentada por EU a favor da biodiversidade e para instar ao Ministerio de Medio Ambiente á incluír o eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal