Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CANTAUTOR VÍCTOR MANUEL, A ACTRIZ LOLITA FLORES E OS CÓMICOS CARLOS BLANCO E XOSÉ ANTONIO TOURIÑÁN SUBIRANSE AO ESCENARIO DO PAZO NO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO
A concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, anunciou que están á venda as entradas dispoñibles os espectáculos programados entre xaneiro e marzo
Narón, 10 de xaneiro de 2019. O Padroado da Cultura retomará o vindeiro sábado, día 12, a programación cultural do Pazo para o primeiro trimestre do ano, para a que están á venda as entradas dispoñibles na billeteira do Pazo e na web: www.padroadodecultura.es. A compañía Sarabela Teatro representará o sábado a obra Celebración, ás 20.00 horas, un espectáculo de teatro contemporáneo vencellado ao xénero da comedia e que aborda a temática do asalto ao poder desde unha gran celebración. A concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, destacou o “amplo abano de programación de gran calidade, con artistas e compañías de primeiro nivel, na que unha parte está pensada para o público familiar e infantil pero con propostas tamén de moi variados xéneros para que as poidan desfrutar as veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos que se desprazan á cidade para asistir a algunhas das propostas impulsadas a través do Padroado da Cultura”. Un dos concertos da actual tempada será o do cantautor asturiano Víctor Manuel, que o día 19 de xaneiro -20.00 horas- interpretará no Pazo temas do seu último disco, Casi nada está en su sitio, que combinará con outros do seu recoñecido repertorio musical. O álbum consta dun total de trece cancións orixinais, as primeiras desde o ano 2008, cando viu a luz No hay nada mejor que escribir una canción. A vindeira representación teatral terá lugar o domingo 20 de xaneiro, a partir das 18.00 horas, cando a compañía Elefante Elegante se subirá ao escenario para representar a peza Danza da choiva. Neste caso é unha das propostas dirixidas ao público infantil –de 3 a 9 anos- e na que a danza, os monicreques e, en definitiva, o teatro xestual, captarán o interese do público ao que se dirixe. Esta obra obtivo o premio María Casares 2017 como Mellor espectáculo infantil. Tamén será este mes de xaneiro, concretamente os días 25 e 26, cando regrese ao Pazo o espectáculo Somos criminais, protagonizado polos cómicos Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, que en xuño do pasado ano colgaron o cartel de aforo completo no Pazo. Nesta ocasión xa están de novo esgotadas as entradas para a cita do venres ás 20.30 e as do sábado ás 20.00 e ás 22.30. O mes de febreiro voltará de novo o teatro ao Pazo, neste caso cunha estrea os días 1 e 2 –ás 20.30 e 20.00 horas, respectivamente- coa compañía Malasombra Producións, que representará a obra Bernarda. Este espectáculo dramático parte da obra La casa de Bernarda Alba, escrita no ano 1936 por Federico García Lorca e na que se conta a vida dunha muller que garda un rigoroso loito tras quedar viúva con dúas fillas mozas, trasladando os feitos, que constitúen todo un choque entre xeracións, a unha vila galega e ao ano 1975. A cantante e actriz Lolita Flores regresará tamén de novo ao Pazo da Cultura neste trimestre, nesta ocasión co espectáculo Fedra, de Pentación, o día 8 de febreiro ás 20.30 horas. Flores encarnará a unha princesa cretense, protagonista da obra Fedra, de Eurípides, na adaptación deste clásico centrado no amor. O domingo día 10 terá lugar no Pazo unha actuación de música folk, na que a poesía e a música serán os protagonistas. A compañía Trotaventos traerá a Narón A fiestra dos soños, que se poderá ver a partir das 18.00 horas, e no que se pon música, de diferentes estilos e cun marcado carácter popular, a un total de trece poemas. O teatro continuará o día 16 de febreiro coa compañía Ibuprofeno Teatro -20.00- que representará A casa O´ Rei, que forma parte dunha triloxía gastronómica nesta ocasión ambientada nunha casa de comidas galega, e o 17 con Berrobambán -18.00 horas- coa comedia Adeshoras, de teatro xestual e protagonizada por unha muller que se reencontra a si mesma. Por último no mes de febreiro, os días 22 e 23 –ás 20.30 e 20.00 respectivamente- actuará a compañía Talía Teatro, que estreará a obra Vida de Cans, que conta a vida de tres cans ben coidados pero sen liberdade. No mes de marzo continuará a programación do Pazo coa obra Los días de la nieve, de Rosario Pardo e sobre unha costureira á que lle encargan un vestido de mar, o sábado 9, ás 20.00 horas e o domingo 10 con Un sueño, una casa, medio siglo y muchas historias, de Freddy Ginebra (República Dominicana) ás 18.00, sobre a fundación dunha casa de teatro, poesía, danza… Na fin de semana seguirán as representacións: o venres día 15 A Quinta do Cuadrante representará ás 20.30 a peza O empapelado amarelo, sobre as relacións amorosas e a situación actual das mulleres; o sábado 16 poderase ver, a partir das 20.00 a obra Yo no estoy loca, de Teatro Petra (Colombia), que conta historias baseadas na vida real, e o domingo 17 ás 18.00 o espectáculo infantil Titiricircus, de Tanxarina, protagonizada por dous vellos traballadores dun circo que recordan vellos tempos con marionetas. O día 22 de marzo será o turno de Teatro del Barrio, que representará a obra Emilia, ás 20.30 horas. Esta peza de teatro contemporáneo, primeira dunha triloxía (Mulleres que se atreven), trata de posicionar no lugar que lles corresponde a mulleres brillantes da nosa historia. A compañía Félix Albo e Grupo Chévere tamén actuarán en marzo no Pazo, os días 23 e 29 –ás 20.00 e 20.30 horas respectivamente-, donde porán en escena as pezas Tanatorium, sobre a vida e a morte, e Anatomía dunha serea, que conta as pegadas da violencia obstétrica dun embrarazo e un parto. Por último, o sábado 30 Fran Sieira Compañía de Danza traerá a Narón o espectáculo de baile e música tradicional EntreSoños -20.00 horas- e o domingo 31 Os Monicreques de Kukas a obra Arlequina -18.00 horas-, con animación e música en directo. A concelleira de Cultura explicou que unha parte destes espectáculos enmárcanse na Rede Galega de Teatros, en colaboración co Agadic e a Xunta de Galicia.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal