Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ENTREGARÁ Á XUNTA VARIAS ALEGACIÓNS AO PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, confía en que se atendan as peticións formuladas desde o Concello, entre as que se inclúen as demandas das Anpas dos IES das Telleiras e Terra de Trasancos e das AAVV Os Cruceiros, de Castro, Os Irmandiños, do Val, e da Agrupación Veciñal de San Mateo
Narón, 22 de febreiro de 2019. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo desprazáronse esta mañá á Coruña, para reunirse con José Antonio Álvarez, xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, e presentarlle as alegacións do Concello ao Plan de Transporte Metropolitano, que se entregarán formalmente a vindeira semana á Xunta. As mesmas, tal e como indicou a rexedora local, afectan ao servizo que prestan as rutas aos estudantes dos dous institutos da cidade –Telleiras e Terra de Trasancos- procedentes de Cedeira, Valdoviño, San Mateo, O Val, Castro, Sedes, San Xiao e da zona urbana de Narón. As alegacións presentadas desde a administración local inclúen as aportacións realizadas desde as asociacións veciñais Os Cruceiros, de Castro; Os Irmandiños, do Val; a Agrupación Veciñal de San Mateo e as Anpas Castelao, do IES das Telleiras, e Pérez Alberti, do IES Terra de Trasancos. O concelleiro de Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, reuníronse hai uns días con representantes das citadas AAVV e Anpas para abordar a situación actual do servizo, de cara a presentar formalmente as alegacións. A maiores, a Policía Local de Narón redactou un informe, que se aportou coas alegacións, no que se recolle a necesidade de acometer as melloras plantexadas para dar servizo ao alumnado dos citados institutos. No que respecta á ruta que vai desde Ferrol ata a estrada de Cedeira as peticións realizadas inclúen crear unha parada no quilómetro 1 da estrada de Cedeira (AC-566) á altura do instituto das Telleiras. Así mesmo, pídese o retraso da frecuencia da volta das 7.00 ás 7.15 horas; adiantar a frecuencia de ida das 14.30 ás 14.15 horas e tamén crear unha frecuencia de ida os martes lectivos durante o curso escolar ás 18.00 horas. Para a ruta entre Ferrol e Vilaboa, desde o goberno local solicítase a maiores crear unha frecuencia de ida ás 14.15 horas e retrasar a frecuencia de volta das 7.00 ás 7.30 horas. Nunha terceira ruta, desde a Praza de Galicia ata a Praia da Frouxeira entre as demandas figura crear unha frecuencia de volta ás 7.30 horas e unha de ida ás 14.15. E, por último, na ruta da Praza de Galicia á Praia da Frouxeira recóllese tamén a necesidade da parada no IES das Telleiras (a ruta vai actualmente pola FE-12 no seu primeiro quilómetro e solicitarase que vaia pola estrada de Cedeira ese tramo para enlazar despois coa FE-12 e incluír paradas nos institutos); retrasar a frecuencia de volta das 7.00 ás 7.30 e a de ida das 13.00 ás 14.15 e crear unha frecuencia de ida os martes lectivos durante o curso escolar ás 18.00 horas. “En definitiva, as alegacións presentadas teñen como finalidade adaptar as liñas aos horarios de entrada e saída de buses para o alumnado de Bacharelato, que ten que pagar por un servizo de transporte que tal e como está plantexado non atende ás súas necesidades”, asegurou Ferreiro, que confía en que se atendan as peticións formuladas de cara á necesaria mellora deste servizo.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal