Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINA 639.000 EUROS A IMPLANTAR NOVOS SERVIZOS EN SEDES, ACONDICIONAR O LOCAL SOCIAL, O SEU ENTORNO E A GLORIETA DA AC-112
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís de Obras e Servizos, Pablo Mauriz e Ibán Santalla, respectivamente, desprazáronse á parroquia na que se acometerán as diferentes intervencións
Narón, 27 de febreiro de 2019. O goberno local destinará unha partida conxunta de 639.096 euros a varias actuacións proxectadas na parroquia de Sedes. A partida máis elevada, un total de 483.108 euros, destinarase a acometer o proxecto de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Sedes, pola zona de Villallonte. A actuación, tal e como indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, permitirá dotar inicialmente deste servizo a algo máis de medio cento de vivendas localizadas na zona, se ben no futuro se poderán incorporar máis verquidos aos colectores. A maiores, destinaranse outros 80.000 euros ao acondicionamento do local social de Sedes. “Estes traballos inclúen unha ampliación da superficie do local, en aproximadamente vinte metros cadrados, a habilitación dunha rampa exterior para mellorar a accesibilidade e tamén melloras na iluminación”, avanzou Ferreiro. A ampliación da rede de saneamento e as melloras do local complétanse, indicou, cos traballos de acondicionamento do parque localizado xunto ao local social da parroquia e que suporá ás arcas locais un desembolso de 49.988 euros. Os traballos a executar están xa adxudicados e comezarán a desenvolverse nos vindeiros días, tal e como asegurou a alcaldesa. O adecentamento desta parcela pública, adquirida recentemente polo Concello permitirá gañar un novo espazo ás veciñas e veciños da parroquia. Para dotala de máis seguridade procederase a pechar o lateral que linda coa estrada de Sedes e habilitarase unha senda de xabre, un elemento natural acorde co entorno. Así mesmo, a actuación, explicou Ferreiro, inclúe a construción dunha praza de pavimento de pedra de pizarra irregular, que se asentará sobre unha base de formigón. O investimento a realizar tamén inclúe a desmontaxe do parque infantil do local social de Sedes. “Aproveitaranse os elementos de xogo, que están en bo estado, para o novo parque infantil, que terá unha superficie duns 170 metros cadrados e pavimento de corteza”, apuntou Ferreiro. En canto ao apartado de xardinería plantaranse setos xunto á malla a modo de pantalla acústica e para preservar a zona do parque infantil e, a maiores, sementarase céspede. A nova área recreativa de Sedes completarase con bancos, mesas de pedra e papeleiras, así como unha fonte. A maiores, tamén na parroquia de Sedes se procederá a contratar, con cargo ao orzamento deste ano, a adecuación da rotonda localizada na AC-112 e que presentará próximamente un novo deseño a base de céspede artificial, e outros elementos vexetais. A estrutura non sufrirá modificación algunha en canto ás súas dimensións e será obxecto dun investimento de 26.000 euros. Representantes do goberno local trasladáronlles xa ao presidente e vocal da AVV Rosa dos Ventos de Sedes, Manuel Rico e Enrique Rodríguez, respectivamente, as actuacións que se levarán a cabo con cargo a este investimento de case 640.000 euros na parroquia. “Trátase de actuacións necesarias e moi importantes nesta parroquia, polo que desde o goberno local priorizamos estes investimentos que, de seguro, mellorarán considerablemente tanto os servizos como as instalacións na zona de Sedes”, destacou a alcaldesa.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal