Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN RESPALDOU NO PLENO UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL EN APOIO AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DA EMPRESA POLIGAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, dirixiuse ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e manterá tamén unha xuntanza con representantes do Grupo Peralada, propietario da planta de Poligal
Narón, 28 de febreiro de 2019. A corporación local da cidade, coa alcaldesa, Marián Ferreiro, á fronte, levou hoxe ao pleno unha declaración institucional en apoio aos traballadores e traballadoras da empresa Poligal, tras anunciar o Conselleiro delegado da firma o pasado venres a solicitude dun concurso voluntario de acreedores con proposta de liquidación para a fábrica de Narón. Esta medida, que colleu por sorpresa ao plantel, supón o posible despedimento de preto de 120 persoas. Na declaración institucional a alcaldesa e os portavoces de tódolos grupos políticos da corporación (TEGA, PSOE, BNG, PP, EU e ENE) manifestan o seu apoio e solidariedade e o das veciñas e veciños que representan co plantel de Poligal “na xusta defensa dos seus postos de traballo”. A maiores, demandan á empresa que renuncie ao concurso voluntario de acreedores e retire a proposta de liquidación formulada para Poligal en Narón. No terceiro dos puntos da declaración institucional os representantes da corporación esixen á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Industria –administracións que no seu día concederon subvencións a Poligal- o seu compromiso e implicación activa na solución deste conflito que “pasa polo normal funcionamento do centro de traballo de Narón e o mantemento do seu cadro de persoal, xa que doutro xeito non se pode entender a concesión de axudas públicas”. O pasado luns o comité de empresa de Poligal reuniuse no Concello coa alcaldesa, Marián Ferreiro e os portavoces dos grupos políticos da corporación. No citado encontro Ferreiro informou aos representantes dos traballadores de que xa solicitou unha entrevista co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e sobre o escrito enviado ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosándolle a preocupación pola gravidade desta situación e instándoo a que na medida das súas competencias intermedie na procura dunha solución a este grave problema. Ferreiro solicitou tamén unha entrevista cos responsables do Grupo Peralada, propietario da planta de Narón, para tratar de que revirtan a decisión comunicada aos traballadores e traballadoras. Na sesión plenaria tomou a palabra, tras solicitalo formalmente, un representante do comité de empresa de Poligal, que incidiu en que “a empresa ten futuro e vida” e recordou que está ao día no pago das nóminas e “recibiu suculentas axudas para mercar chan industrial”. Así mesmo, na súa intervención aludiu ao ERE do ano 2012, que supuxo unha trintena de despedimentos e tamén á construción das plantas de Portugal e Polonia. “En xuño de 2018 anunciaron no acto de apertura da fábrica de Polonia que habería investimentos para a planta de Narón”, unha comunicación que non se materializou. Así mesmo, no pleno aprobouse a adhesión do Concello ao Pacto dos alcaldes (Covenant of Mayors) para o clima e a enerxía, promovido pola Unión Europea e co obxectivo de aumentar a eficiencia enerxética un 20%, o uso de enerxía procedente de fontes renovables outro 20% e reducir as emisións de gases efecto invernadoiro un 20% para o ano 2020. A alcaldesa, Marián Ferreiro, será a representante do Concello na sinatura do Pacto de Alcaldes e outras actuacións relacionadas co mesmo. Aprobouse tamén na sesión o nome da Muller do Ano de Narón 2019, un recoñecemento que se fará público o vindeiro 11 de marzo nun acto oficial que terá lugar no Concello. Saíu adiante por unanimidade a proposta de ratificación do acordo para a constitución dunha agrupación de concellos e aprobar un convenio de colaboración cos municipios de Cabanas, Valdoviño e Fene para solicitar a subvención para contratar persoal para atender a oficina de turismo do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. En base a este punto, solicitarase á Axencia de Turismo de Galicia unha subvención de 5.169,77 euros. No apartado de mocións aprobouse por unanimidade unha do Grupo Mixto –ENE- para estudar o modo de levar a cabo a instalación de puntos de recarga eléctrica para automóviles en parques públicos do concello con cargo ao programa Moves e tamén outras medidas do plan que sexan de interese para Narón. Sobre o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, aprobáronse dúas mocións co respaldo de todos os grupos da corporación excepto do PP. Unha delas presentouna o Grupo Mixto –EU- de apoio á folga feminista, facilitando o desenvolvemento da mesma na corporación local e artellando políticas encamiñadas á igualdade real, entre outras medidas, como enarbolar a bandeira feminista no Concello como símbolo de apoio á loita das mulleres. A segunda aprobada foi a impulsada polo tripartito naronés, TEGA, PSOE e BNG. Neste último documento maniféstase o recoñecemento e apoio a Galegas 8M e a convocatoria de manifestación nacional do 3 de marzo e da folga de mulleres do 8 de marzo. Ao mesmo tempo, desaprobase á Xunta por actuar de xeito incorrecto vulnerando o dereito fundamental á folga diante do pasado 8 de marzo e non rectificar as súas políticas, que contribúen á permanencia da desigualdade.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal