Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA CONMEMORA MAÑÁ O DÍA MUNDIAL DO TEATRO CUNHA ACTIVIDADE NA PRAZA DE GALICIA
A presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, convidou á veciñanza a presenciar mañá pola tarde na Praza de Galicia a actividade que protagonizarán alumnado e profesorado da Escola de Teatro de Narón e a lectura do Manifesto Galego do Teatro
Narón, 26 de marzo de 2019. O Padroado da Cultura do Concello de Narón conmemorará mañá o Día Mundial do Teatro, cunha proposta protagonizada pola Escola de Teatro de Narón. A presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, avanzou que o acto, programado baixo o lema “Narón é de Teatro!” terá lugar a partir das 19.00 horas na Praza de Galicia e estará aberto á cidadanía en xeral. Alumnado e profesorado da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e dos Obradoiros Municipais de Teatro, xunto con representantes institucionais do Concello, protagonizarán esta convocatoria, que comezará coa lectura do Manifesto Galego do Teatro, autoría do dramaturgo e director de escena Carlos Santiago. O acto de lectura estará dirixido polo director e dramaturgo naronés Jose Prieto e contará coa participación do alumnado da Escola de Teatro. “Cada alumno e alumna asistirá a este acto caracterizado coma un personaxe dun texto teatral elixido previamente, podendo darse o caso de que xa o interpretaran nalgunha ocasión ou ben que lles gustaría interpretalo nun futuro”, explicou Ferreiro. Desde xeito, apuntou a presidenta do Padroado da Cultura “o alumnado sacará as personaxes das historias de teatro á rúa, nesta ocasión á Praza de Galicia, co fin de reivindicar, coincidindo co Día Mundial do Teatro, a importancia desta arte como ben cultural da sociedade e tamén o seu valor como lugar de encontro e convivencia”. As persoas que asistan a esta convocatoria poderán ver diferentes tipos de personaxes, de todas as idades e procedencias, intereses… que pasearán pola Praza de Galicia a carón da xente, todos e todas encarnadas por persoas amantes e profesionais do oficio do teatro. Ferreiro recordou que nos Obradoiros Municipais de Teatro de Narón participan alumnas e alumnos con idades comprendidas entre os 4 e os 80 anos, e na Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores da cidade comparten formación persoas que realizan unha intensa actividade no ámbito amador con alumnas e alumnos en activo na actividade profesional”. “O vínculo desta cidade co teatro vén de moi atrás”, recalcou a presidenta do Padroado da Cultura. Destacou que a Escola de Teatro de Narón cumpriu xa trinta e oito anos. “O Padroado da Cultura de Narón puxo en marcha esta Escola no ano 1981 para a formación teatral e a actividade escénica da cidade, dúas funcións que se cubren desde a Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e tamén cos Obradoiros Municipais de Teatro”, explicou Ferreiro. A presidenta do Padroado convidou ás veciñas e veciños a achegarse mañá á Praza de Galicia “para respaldar o traballo que realiza tanto o alumnado como o profesorado da Escola de Teatro de Narón, que durante cada curso interpretan numerosos textos teatrais dos que podemos desfrutar todo o ano”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal