Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA E A CONCELLEIRA DE MOCIDADE VISITARON A VINTENA DE RAPACES E RAPAZAS QUE PARTICIPAN NA KDD MOCIDADE NARÓN
Os mozos e mozas teñen entre 13 e 18 anos e realizan varias actividades durante toda esta semana na Casa da Mocidade e tamén noutras zonas da cidade e municipios próximos
Narón, 18 de abril de 2019. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Mocidade, Natalia Hermida, visitaron aos mozos e mozas que participan no programa KDD Mocidade Narón. O pasado luns unha vintena de rapaces e rapazas de entre 13 e 18 anos iniciaban na Casa da Mocidade, na Gándara, as actividades enmarcadas nesta convocatoria, organizada polo Concello e de balde para os naroneses e naronesas. Dende o luns e ata o vindeiro sábado implícanse activamente en propostas e rutas polo concello e comarca, divertíndose e aprendendo ao mesmo tempo. Marián Ferreiro e Natalia Hermida saudaron aos participantes neste programa, interesándose polas actividades que xa realizaron e polas que están pendientes e tamén preguntándolles se tiñan algunha suxestión de cara estudar a súa posible incorporación en próximas edicións. Os mozos e mozas explicáronlles as propostas nas que xa participaron e aseguraron estar moi contentos coa programación da KDD Mocidade Narón. As representantes do goberno local animáronos tamén a utilizar o resto do ano as instalacións da Casa da Mocidade, con entidades e propostas dirixidas ás súas idades. Na xornada de hoxe está previsto que realicen unha ruta, que consistirá nunha volta pola ría, con saída da Casa da Mocidade e dirixíndose ao paseo de Xuvia, ata o veciño municipio de Neda, percorrendo un tramo do Camiño Inglés cara a Santiago de Compostela. Mañá venres continuarán elaborando o grafiiti iniciado o pasado luns na Casa da Mocidade e asistirán a un obradoiro de impresión en 3D e outro sobre Igualdade e na última xornada, o sábado día 20, rematarán o graffiti, participarán en actividades grupais e tamén reflexionarán sobre varios temas para, finalmente, asistir a un xantar de despedida da primeira edición da KDD Mocidade Narón. Na visita realizada ao colectivo Marián Ferreiro e Natalia Hermida entregáronlles as primeiras barallas do Xogo-guía sexual para a mocidade, “E ti… de que pau vas?”. O Concello de Narón editou este xogo de cartas, con catro paus (ouros, copas, bastos e espadas) que se concibe a modo de guía afectivo-sexual, sendo estas as temáticas que se empregan para informarse, aprender sobre diversas sexualidades… a través de xogos tradicionais como a brisca, a escoba, o chinchón… Os xogadores –persoas a partir de 12 anos- poden falar abertamente destes temas coas corenta cartas da baralla, con debuxos e preguntas sobre temas relacionados co corpo, as emocións, a saúde e as relacións. Uns folletos informativos sobre estas mesmas catro áreas de educación afectivo sexual acompañan a baralla, complementando informacións sobre os diferentes contidos con explicacións sobre certos mitos, recursos e enlaces de interese, métodos preventivos e anticonceptivos, infeccións de transmisión sexual, sentimentos e emocións, comunicación, sexo biolóxico, identidade sexual ou de xénero… O Concello editou un total de seiscentas barallas, que se repartirán en actividades convocadas para a mocidade. “Á vista do que nos comentan os participantes, a KDD Mocidade Narón está sendo todo un éxito, constituíndo nestes días non lectivos unha proposta do agrado das mozas e mozos, que poden realizar de balde unha gran cantidade de actividades, moitas novidosas para algúns deles, e tamén incrementar os seus coñecementos sobre varias materias”, destacou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal