Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNHAS DUASCENTAS PERSOAS PARTICIPAN ESTE MES NAS MOSTRAS DE TRABALLO ESCOLAR E EXHIBICIÓNS DE FIN DE CURSO DA ESCOLA DE TEATRO DE NARÓN
A programación comezará a desenvolverse mañá no Auditorio municipal e tamén chegará a locais da zona rural
Narón, 7 de maio de 2019. O Auditorio municipal de Narón e locais da zona rural acollerán este mes dezaoito mostras de traballo escolar e exhibicións de fin de curso da Escola de Formación de Actrices e Actores e dos Obradoiros Municipais de Teatro do Padroado da Cultura de Narón. Nestas representacións participarán unhas duascentas persoas, tal e como indicou a presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que explicou que a entrada a estes espectáculos é de balde. A primeira das citas no Auditorio será mañá mércores, a partir das 18.00 horas, e a cargo do alumnado dos Obradoiros infantís de teatro (nenas e nenos de 4 a 7 anos), que representarán a obra “A máquina do tempo”, dirixida por Montse Piñón. A programación destas actividades escénicas continuará a vindeira semana, o día 15 ás 20.30 horas co alumnado do curso Practicum da Escola de Formación de Actrices e Actores, que porá en escena “Sabe túa nai onde estás?”, unha serie de números de teatro musical dirixidos por Beatriz García. O sábado 18 de maio, a partir das 18.00 horas, actuarán os menores de 8 a 11 anos, dos Obradoiros infantís de teatro, nesta ocasión representando “Un mito bipartito” os rapaces e rapazas dos obradoiros da Solaina e da Gándara, dirixidos por Maite Costa, e “O medo!”, do obradoiro infantil do Auditorio, dirixido por Silvia Casal. O día 23 de maio representaranse escenas de “Ubú rei”, de Alfred Jarry, dirixidas por Maite da Costa e escenas de “Dereita-Esquerda”, obra de José Prieto dirixida por Celia González. Neste caso actuarán alumnas e alumnos de primeiro e segundo curso da Escola de Formación de Actrices e Actores, a partir das 20.30 horas. O día seguinte, o venres 24, será o turno dos obradoiros de Teatro de Persoas Adultas, que a partir das 19.30 horas subiranse ao escenario do Auditorio para representar: “Unha de zombis”, do Obradoiro de Sedes, peza escrita e dirixida por Pepablo Patinho; “Cuarto sen ascensor”, do Obradoiro das Vivendas da Mariña, dirixido por Montse Piñón, e “Amor, amor, amor”, do Obradoiro de Piñeiros, obra autoría do alumnado e dirixida por Maite da Costa. O sábado 25 a partir das 18.00 horas os alumnos e alumnas dos Obradoiros Xuvenís da Gándara e A Solaina representarán “Nunca tal vin”, e ”Efecto Ballerina”, pezas escritas e dirixidas por Maite Costa, e os do Obradoiro Xuvenil do Auditorio a obra “Os átomos insumisos”, dirixida por Silvia Casal. A última representación das programadas no Auditorio será o día 30 deste mes, ás 20.30 horas, e correrá a cargo do alumnado de terceiro curso da Escola de Formación de Actrices e Actores, que porá en escena “Algunhas luces de bohemia”, cinco escenas de Ramón María del Valle Inclán, dirixidas polo naronés José Prieto. Programáronse tamén representacións na zona rural, que darán comezo este venres, día 10, ás 17.30 horas, na sede da Fundación Terra de Trasancos, no Val, donde se poderá ver a obra “A memoria fai historia”, autoría do alumnado do Obradoiro de Persoas adultas do Val e dirixida por Silvia Casal. Ese mesmo alumnado e directora protagonizarán as representacións de “O anel máxico”, o día 25 deste mes no local social da AVV Virxe de Fátima (Freixeiro), a partir das 19.30 e do 26, no local social da Pombiña, en Pedroso, a partir das 19.00. Por último, na zona rural o 31 deste mes subirase ao escenario o alumnado do Obradoiro de Teatro de Piñeiros, que ás 20.30 horas actuará no local da AVV Virxe de Fátima, donde representará “Amor, amor, amor”. Marián Ferreiro destacou o labor e a intensa actividade artística que ano tras ano desenvolven as alumnas e os alumnos da Escola de Teatro de Narón, tanto na zona urbana como na rural, e convidou á veciñanza da cidade e doutros concellos a gozar destes espectáculos cos que remata o curso 2018/2019.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal