Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO OFERTA TRES PROGRAMAS DA ESCOLA DE BENESTAR DIRIXIDOS A VECIÑAS E VECIÑOS DE NARÓN
A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, e o edil de Sanidade, Santiago Galego, presentaron esta mañá as iniciativas no Concello, para as que se abrirá o vindeiro luns, día 23, o prazo de inscrición
Narón, 20 de setembro de 2019. O Concello de Narón levará a cabo tres novos programas vencellados ás áreas de Igualdade e Sanidade a través dunha nova iniciativa municipal: a Escola de Benestar. Os concelleiros responsables destas concellerías, Mar Gómez e Santiago Galego, respectivamente, deron a coñecer as propostas, Cóida-te-me, Quérome e Movéndonos con saúde e que se dirixen a persoas maiores de 18 anos que deben cumprir ademais outros requisitos específicos en función do programa elixido. As sesións destas tres propostas impartiranse entre os meses de outubro deste ano e xuño de 2020 e as inscricións poden tramitarse a partir do vindeiro luns, tal e como avanzaron os edís naroneses, que animaron á veciñanza a inscribirse nestas actividades. O programa Cóida-te-me, conta cun total de quince prazas, destinadas preferentemente a mulleres empadroadas en Narón e que estean ao cargo dalgún familiar dependente. As sesións, con carácter de balde, desenvolveranse en centros comunitarios ou centros cívicos sociais os xoves de 18.30 a 20.30 horas. Trátase dun obradoiro de traballo de habelencias básicas e reforzo psicolóxico para coidadoras non profesionais de persoas dependentes, tal e como indicou Gómez, que inclúe métodos, pautas e técnicas para axudar a superar as cargas emocionais que supón o seu labor. “A través desta actividade ofreceranse os recursos necesarios para que as mulleres coidadoras poidan ter unha mellor calidade de vida, manexando emocións e mellorando as súas habilidades nesta tarefa”, apuntou a edil. Así mesmo, a través da Escola de Benestar tamén se porá en marcha o programa Quérome, dirixido a mulleres a partir de 50 anos e que se impartirá no Centro Comunitario das Vivendas da Mariña. Neste caso, según explicou Gómez, a actividade diríxese a un total de 24 persoas, que se dividirán en dous grupos –un os martes e outro os mércores de 17.00 a 19.00 horas-. “As mulleres que asistan disporán dunha serie de ferramentas para o autocoidado emocional e dun espazo distendido para divertirse, desconectando da súa rutina diaria e conectando con outras mulleres para que, entre elas, acaden unha visión máis positiva de si mesmas”, indicou a edil. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, presentou o programa Movéndonos con saúde, tamén enmarcado na Escola de Benestar e que oferta un total de vinte prazas para persoas empadroadas en Narón, maiores de 18 anos e que padezan algunha enfermidade crónica. “A través dos contidos que se desenvolverán con cargo a este curso, as persoas que participen poderán levar mellor os procesos das súas enfermedades e tamén traballar as súas habilidades sociais e persoais e a xestión emocional, o que permitirá incrementar, a nivel xeral, o seu benestar”, asegurou Galego. O concelleiro indicou que as sesións se impartirán no Centro Cívico Social de Xuvia, os luns e mércores de 10.30 a 12.30 horas e recordou que as prazas se cubrirán por orde de inscrición. “É moi importante escoitar e compartir con outras persoas que están en situacións similares e formarse como persoas, ao tempo que reforzan a actividade mental e evitan esa soidade ás veces tan incomprendida na sociedade”, recalcou. As inscricións para estas tres propostas municipais, todas elas de balde, poden tramitarse a través do Rexistro Xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón ou do resto de lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. As persoas interesadas en obter máis información sobre a Escola de Benestar poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal –primeiro andar do Concello- ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1115, 1108 e 1109).

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal