Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE MEDIO MILLEIRO DE PERSOAS SOLICITARON INFORMACIÓN NA OFICINA DE TURISMO DE FREIXEIRO DURANTE O VERÁN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, deu a coñecer o balance deste verán e valorou a importancia deste servizo para promocionar "o gran potencial do turismo local e comarcal"
Narón, 20 de setembro de 2019. A oficina de Turismo de Narón, que estivo aberta entre o 1 de xuño e o pasado mércores, día 18, atendeu a un total de 541 persoas. No citado período dúas persoas formadas nesta área atenderon as instalacións, cun balance “moi positivo e que reforza a importancia do papel que cumpren estas oficinas en canto á difusión do patrimonio histórico, cultural e natural da cidade e tamén dos eventos que se organizan ao longo do ano e, especialmente polas datas da apertura, durante o verán”, tal e como asegurou a alcaldesa, Marián Ferreiro. Os recursos e destinos turísticos do concello e tamén doutras localidades da comarca déronse a coñecer dende a Oficina de Turismo de Narón, apostando deste xeito por “promocionar un destino turístico conxunto na nosa comarca, explotando o diversificado e gran potencial dos municipios da mancomunidade”, indicou a rexedora local. No caso concreto de Narón, tal e como se desprende do balance final da Oficina de Turismo, “tiveron un gran éxito as rutas dos muíños e a da Pena Molexa, sinalizadas a través de códigos QR e que ofrecen á veciñanza e visitantes información básica sobre elementos de interese dos tramos nos que se colocou esta nova sinalización”, subliñou Ferreiro. “Dende o goberno local estamos realizando dende hai tempo unha gran aposta polo sector turístico, por entender que é unha fonte de recursos para moitos establecementos que se localizan no termo municipal”, asegurou a alcaldesa. Ao respecto, indicou que “máis da metade dos visitantes que acudiron á Oficina de Turismo, concretamente un 63%, elixiron establecementos da nosa cidade para pernoctar, se ben un 24% o fixo noutros de concellos da Mancomunidade e unha mínima porcentaxe se aloxou fóra da comarca”. En base a estas cifras “constátase a calidade dos servizos que ofrecen os establecementos locais, aos que tamén temos que agradecer dende o goberno local a súa excelente disposición á hora de colaborar con nós nesa tarefa de difusión do material promocional da nosa cidade e comarca do que dispoñemos no Concello, un apoio para nós fundamental”, recalcou. En canto á procedencia dos visitantes, máis do 50% eran nacionais –maioritariamente de Madrid, Andalucía, León e o País Vasco-, se ben tamén se achegaron a Narón procedentes de Francia, Alemaña e outros países, como Portugal, Uruguay, Arxentina, Brasil, Colombia, USA, Polonia, Reino Unido, Romanía, Rusia e Venezuela. No balance da Oficina de Turismo recóllese tamén a idade dos visitantes, sendo a maioritaria os da franxa comprendida entre os 40 e 50 anos, seguida de 30 a 40 e as consultas, que foron maioritariamente sobre eventos, turismo, mapas, indicacións, rutas e Camiño de Santiago. Ferreiro valorou o labor realizado dende a oficina de Turismo e asegurou que “dende o Concello continuaremos traballando polo sector, avanzando como viñemos facendo nos últimos anos no que é unha firme aposta polo turismo e por todos os servizos e actividades que conleva”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal