Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A POLICÍA NACIONAL CELEBROU O DÍA DOS SANTOS ANXOS CUSTODIOS CUNHA MISA NO MOSTEIRO DO COUTO E A IMPOSICIÓN DE CONDECORACIÓNS A NOVE AXENTES NO PAZO DA CULTURA
O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, e o Comisario da Comisaría Ferrol-Narón, Jorge Rubal, coincidiron en destacar o labor dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, hoxe con especial fincapé na Policía Nacional, e tamén dos xuíces e fiscais como garantes dos dereitos da cidadanía
Narón, 2 de outubro de 2019. O concello de Narón acolleu esta mañá os actos do día dos Santos Anxos Custodios, patrón da Policía Nacional, actos organizados dende a Comisaría de Ferrol-Narón. A xornada deu comezo ás 12.00 horas no mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, donde tivo lugar unha misa oficiada polo bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras. O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, acudiu ao acto xunto co xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita, portavoces dos grupos municipais e outros representantes da corporación local naronesa e ferrolá, entre eles o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya. O Comisario xefe da Comisaría Ferrol-Narón, Jorge Rubal; o alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, o edil de Seguridade de Ferrol, Germán Costoya, o xefe de Seguridade Naval, Luis Rodríguez Moldes, e a vicereitora do campus de Ferrol, Araceli Torres, estiveron na mesa presidencial do acto celebrado no Pazo, ao que acudiron outras autoridades. No Pazo da Cultura tivo lugar o acto institucional, que incluíu a imposición de condecoracións –por parte dos integrantes da mesa presidencial- a nove representantes da Policía Nacional, sete homes e dúas mulleres. Os representantes da mesa presidencial entregaron a Cruz ao Mérito Policial con Distintivo Blanco ao subinspector Javier Sánchez García; e aos policías Fernando Espiñeira Neira; Ana Martínez Palmas, Manuel Méndez Vázquez, José Montero Fortúnez, José Bernardo Penabad Prieto, Luis Alberto Requejo Sendón, Mónica María Rico Merlán e Álvaro Rodríguez Cibreiro. O Comisario xefe de Ferrol-Narón agradeceu ao Concello “a súa inestimable colaboración por permitirnos celebrar esta festividade nas instalacións do Pazo da Cultura”. Rubal tomou a palabra para asegurar que “hoxe é un día para recordar, desfrutar e celebrar con familiares, compañeiros e amigos e tamén para recordar o que somos, donde estamos e o que queremos para mellorar”. Jorge Rubal destacou a misión da Policía Nacional para “protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a liberdade cidadá, sobre a que descansa a nosa sociedade de dereito”. Así mesmo aludiu á necesidade de garantir a convivencia e o respecto entre a cidadanía “afrontando o reto de racionalizar e optimizar os recursos das distintas unidades, no que a formación e especialización da policía cobran unha especial relevancia”. Rubal destacou que “defender e protexer ás persoas e á normativa vixente está no ADN da Policía” e tamén aludiu á prevención e á colaboración cidadá. O Comisario felicitou ás persoas que integran a institución e recordou parte das exitosas intervencións realizadas dende o Corpo nos últimos meses. Tivo tamén Rubal palabras de agradecemento para os policías xubilados ou en segunda actividade “que siguen sendo policías no seu corazón porque un policía nunca se retira e da súa entrega, sabiduría e bo facer seguimos nutríndonos”. Recordou tamén aos policías que “exercendo o seu labor en servicio da sociedade xa non se atopan con nós e, moi especialmente, aos que deron a súa vida para defender a seguridade e a liberdade de todos porque sempre os teremos na nosa memoria”. Unha vez impostas as condecoracións tomou a palabra o alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, que en primeiro lugar desculpou a ausencia da rexedora local, Marián Ferreiro, que por motivos familiares non puido acudir á convocatoria. Sánchez Fojo felicitou aos axentes pola súa labor e transmitiulles “a miña máxima admiración e respecto e o deste Concello pola vosa dedicación para velar pola nosa seguridade”. O alcalde accidental de Narón tivo tamén unhas verbas de felicitación para os axentes condecorados hoxe, asegurando que “este recoñecemento é a mellor das homenaxes ao voso traballo en defensa dos nosos dereitos e das liberdades propias dun sistema democrático e á intachable traxectoria do Corpo do que formades parte”. Así mesmo, Sánchez Fojo valorou o traballo dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado “á hora de velar pola protección do libre exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas de todos e cada un dos cidadáns”. O alcalde accidental de Narón apelou á necesidade de que as administracións contribúan “a que poidades realizar o voso traballo nas condicións que require a vosa profesión” e agradeceu a “estreita colaboración” que manteñen a Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Local e tamén o labor que realizan os fiscais e xuíces “como garantes deses dereitos da cidadanía”. Finalmente, Sánchez Fojo destacou a “vocación de servizo público” dos axentes, recoñeceu que son “un motivo de orgullo para a sociedade”, e comprometeu o respaldo do Concello de Narón para “continuar velando pola nosa seguridade e defendendo os nosos dereitos”. A reproducción do Himno da Policía deu por rematado o acto no Pazo da Cultura.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal