Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO APROBA UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL URXINDO UNHA INICIATIVA CONXUNTA DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA E CAPTACIÓN INDUSTRIAL
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, subliñou que "na defensa dos postos de traballo das comarcas temos que traballar todos xuntos e centrarnos na procura de solucións satisfactorias para todas as familias afectadas por esta grave situación"
Narón, 11 de outubro de 2019. A corporación local de Narón aprobou nun pleno extraordinario celebrado esta mañá unha declaración institucional na que instan ao Ministerio de Industria e á Consellería de Economía e Industria a levar a cabo unha iniciativa conxunta de reactivación económica e captación industrial nas comarcas. Os alcaldes e alcaldesas de Narón, As Pontes, Ferrol, Pontedeume, Neda, Mugardos, Ortigueira, Cedeira, Cerdido, a Capela, As Somozas, San Sadurniño, Fene, Cariño, Valdoviño, Moeche, Cabanas, Ares, Miño, Monfero, Mañón, Muras, Xermade, Vilalba e Viveiro, integrados nas comarcas de Ferrol, Eume, Ortegal, Terra Chá, e A Mariña Occidental, asinaron esta declaración respaldada no pleno naronés. No documento denúnciase a perda de miles de empregos nestas comarcas nos últimos anos e tamén o déficit en materia de infraestruturas ferroviarias e viarias que padecen, en detrimento da rexeneración industrial. Polos motivos expostos na Declaración, úrxese unha iniciativa conxunta para fomentar a política industrial nos sectores naval, eléctrico, da fibra de madeira, da transformación do sector primario, metalúrxico, tecnolóxico e o aproveitamento de todas as potencialidades das comarcas asinantes. Os alcaldes e alcaldesas solicitan entrevistas nos Ministerios de Industria e Fomento e coas Consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Infraestruturas e Mobilidade. O viceportavoz de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo denunciou o “proceso de esquilmación de postos de traballo nas comarcas” e incidiu na necesidade de que “todos os concellos rememos na mesma dirección para tratar de acadar canto antes solucións a esta grave problemática”. O Concello acolleu tamén hoxe un pleno extraordinario no que se desestimou unha moción do PP na que se solicitaba a dimisión da ministra de Transición Ecolíxoca, Teresa Ribera, "principal responsable da situación da central pontesa”. O documento non obtivo o respaldo dos edís do bipartito naronés nin do BNG, polo que non se aprobou. Sobre os motivos da desestimación, Sánchez Fojo acusou aos populares de “falta de ética” ao presentar esta moción cando tiveron coñecemento da convocatoria dunha reunión de tódolos alcaldes e alcaldesas para abordar o problema da térmica das Pontes. “É unha moción obrigada pola dirección do partido e o ético sería esperar ás reunións que teñan os alcaldes e alcaldesas, de todos os grupos para ver o que teñen que dicir”. O viceportavoz de TEGA asegurou que “agora mesmo, a culpa é de todos e é ridículo dicir que é da ministra de Transición Ecolóxica, porque o Comisario de Enerxía en Europa tamén a ten e o máximo responsable é Endesa, todos están implicados”. Sánchez Fojo recalcou que “isto é produto das políticas torticeiras que se están levando a cabo a nivel estatal e autonómico”. Nesta mesma moción, a alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou que “o sentir dos grupos políticos deste concello é defender os postos de traballo directos e indirectos de Endesa e tamén os doutros traballadores e traballadoras de empresas de Narón e das comarcas, pero nesa defensa temos que traballar todos xuntos e centrarnos na procura de solucións satisfactorias para todas as familias afectadas por esta grave situación”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal