Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CONCELLEIRA DE BENESTAR SOCIAL PARTICIPOU NA ASEMBLEA XERAL DO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE
Catalina García asegurou que é "un orgullo" para Narón poder contribuír a acadar os logros impulsados dende o citado organismo para diminuír as diferencias entre territorios
Narón, 14 de outubro de 2019. A concelleira de Benestar Social e representante do Concello no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Catalina García, acudiu á asamblea xeral que o citado organismo celebrou o pasado día 10 na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Na xuntanza procedeuse a renovar a presidencia na persoa do alcalde de Nigrán, Juan González, mentres que a vicepresidencia pasará a ostentala Ana Breixo, concelleira de San Sadurniño, e a tesourería Daniel Fernández, concelleiro de Carril. As vogalías corresponden aos concellos de Oleiros, Santiago de Compostela, Ames, Moraña e Deputación de Lugo, concretamente nas figuras das edís Marga Figueroa, Milagros Castro, Luísa Feijóo, a alcaldesa Luisa Piñeiro e a deputada María Loureiro, respectivamente. Catalina García asegurou que “para Narón é un orgullo ver todos os logros que se conseguen a través do Fondo Galego” e destacou que “a través das aportacións que se realizan dende o Concello, os veciños e veciñas de Narón contribuímos tamén a diminuír as diferencias entre os territorios e a que a xente que vive en zonas donde non ten practicamente nada poida vivir un pouco mellor”. A secretaría continuará exercéndoa o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), impulsor da iniciativa nos anos 90. Representantes duns corenta concellos participaron nesta asemblea, que se abriu cun balance do período 2015-2019 por parte do seu presidente. Juan González expresou que o mandato se focalizou en catro puntos: impulsar o incremento da base asociativa e a súa participación activa na vida orgánica da asociación, realzar o papel do Fondo Galego como entidade de prestixio e recoñecemento no sector da cooperación, garantir a transparencia na xestión e mais difundir e implementar no eido municipal os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, fixados pola ONU. O presidente do Fondo Galego agradeceu o traballo da Executiva saínte, da que formaron parte Teresa París polo Concello de Redondela, Anxos Riveiro e Carme Fouces por Pontevedra, Rocío Fraga pola Coruña, Gloria Prada por Monforte e Goretti Sanmartín pola Deputación da Coruña. Para propoñer a nova configuración do órgano de xestión e dirección da asociación, que deberá afrontar os desafíos dos vindeiros catro anos, a Comisión saínte tivo en conta diversos criterios de representatividade en canto a forzas políticas, provincias, municipios de diferentes tamaños, da costa e do interior e a paridade de xénero. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade intégrano 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, concentrando neste organismo os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. O Fondo Galego desenvolveu máis de 150 proxectos nunha trintena de países e promove actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal