Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PARROQUIA DE SAN MATEO ACOLLERÁ MAÑÁ OS ACTOS DO SAMAÍN
O programa de actos deseñado dende o Padroado da Cultura e a Agrupación Veciñal San Mateo comezará a desenvolverse ás 17.00 horas no Centro Cívico Social da parroquia
Narón, 30 de outubro de 2019. O programa de actos deseñado dende o Padroado da Cultura de Narón e a Agrupación Veciñal San Mateo para festexar o Samaín desenvolverase mañá pola tarde na parroquia de San Mateo. A partir das 17.00 horas sucederanse as diferentes propostas no Centro Cívico Social da parroquia e nas súas inmediacións. Obradoiros, música e gastronomía formarán parte desta cita, que cada ano reúne a centos de persoas da cidade e tamén chegadas doutros concellos da zona. As persoas que se acheguen a San Mateo poderán ver a partir das 17.00 horas unha exposición das cabazas realizadas nos centros de ensino da cidade –nun obradoiro impartido a través do Padroado da Cultura- e tamén a esa hora comezarán os obradoiros de decoración de cabazas e de maquillaxe, nos que poderán participar todas as persoas que o desexen. Ás 19.00 horas comezará o concerto de Xoán Curiel, “A casa do terror”, no que se conta a historia dun grupo de amigos que teñen que durmir nunha casa encantada e donde vivirán unha serie de historias terroríficas e, ao mesmo tempo, divertidas. A continuación, sobre as 20.30 horas terá lugar a tradicional “Comitiva de Luces e Tebras”, un percorrido de aproximadamente quilómetro e medio polas inmediacións do Centro Cívico Social de San Mateo e no que os caminantes portarán candeas para alumear na escuridade. Máis tarde, sobre as 21.00 horas, será o turno do “Obradoiro do Medo”, que un ano máis se desenvolverá nas instalacións do CRA de San Mateo, na planta baixa. As persoas que se acheguen ata alí terán vivirán experiencias tenebrosas, propias da xornada do Samaín. A música, e máis concretamente o grupo de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón pechará o programa do Samaín de San Mateo deste ano, sobre as 21.15 horas, interpretando varias pezas de música tradicional. No ámbito gastronómico, un ano máis os veciños e veciñas da parroquia encargaranse de cociñar o caldo e os liscos que se poderán degustar –acompañados de pan e bebida- durante a xornada, pagando un prezo simbólico dun euro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal