Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
DANIEL LOIS OTERO, VECIÑO DE NARÓN, GAÑADOR DO "X CONCURSO DE FOTOGRAFÍA CIDADE DE NARÓN"
A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, destacou a participación e anunciou que o acto de entrega de premios terá lugar a vindeira semana no Concello
Narón, 21 de novembro de 2019. O naronés Daniel Lois Otero obtivo o primeiro premio do “X Concurso de Fotografía Cidade de Narón” pola súa imaxe “Lopesa Galáctica”, pola que recibirá 750 euros. Así o anunciou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, que explicou que o xurado, do que formaron parte tres fotógrafos profesionais, Carlos Carballeira, Kiko Delgado e Jesús Taboada, se reuniu o pasado 29 de outubro para valorar 92 imaxes presentadas –baixo seudónimo- por trinta e catro persoas de Narón e doutros concellos da comarca e tamén doutros municipios galegos. O segundo premio, dotado con 300 euros, foi para Marcos López Alonso, de Ferrol, pola imaxe “Lavorando na Feira” e o terceiro, de 150 euros, para Alberto Leiras Cabanillas, de San Sadurniño, por “O meigo da Pena Molexa”. Estas tres imaxes que obtiveron a maior puntuación, tras valorar o xurado o seu impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade, pasarán a formar parte do calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o vindeiro ano. Nese calendario tamén se poderán ver as nove imaxes que obtiveron tamén as puntuacións máis elevadas, por orde, e que ilustrarán cada mes do vindeiro 2020, tal e como indicou a edil de Turismo. Os premios do “X Concurso de Fotografía Cidade de Narón” entregaranse o día 27 de novembro no Concello, nun acto no que recibirán uns cheques simbólicos de gran tamaño coa imaxe promocional deste certame. O prazo de presentación de imaxes a este concurso mantívose aberto dende o pasado 16 de setembro ata o 11 de outubro. Persoas de Narón, Fene, Mugardos, A Capela, San Sadurniño, Pontedeume, Neda, Ames e A Coruña participaron na edición deste ano, tal e como recordou a concelleira de Turismo. “Un ano máis quero felicitar de antemán aos galardoados neste certame e tamén dar as grazas pola súa participación a todas as persoas que presentaron fotografías ilustrando momentos ou construcións da nosa cidade, deixando constancia da riqueza natural, patrimonial, cultural e deportiva de Narón a través da súa particular visión a través da fotografía”. As imaxes que ilustrarán o calendario poderanse consultar a partir de mañá na web do Concello: www.naron.es, tal e como anunciou Natalia Hermida.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal