Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O BIPARTITO NARONÉS APROBOU NO PLENO O ORZAMENTO MÁIS ELEVADO DA HISTORIA DA CIDADE, QUE ASCENDE A 33,4 MILLÓNS DE EUROS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, recalcou que se trata duns orzamentos que priorizan a atención ás persoas e que reservan 2,6 millóns de euros a investimentos, cifra que se incrementará ao longo do ano e que situará o investimento municipal a niveis máis elevados que no presente exercicio
Narón, 28 de novembro de 2019. O bipartito naronés –Terra Galega e PSOE- aprobou esta tarde no pleno o orzamento municipal de 2020, que ascende a 33.420.390 euros. A alcaldesa da cidade recalcou que se trata do documento contable máis elevado da historia de Narón e agradeceu o traballo realizado polo persoal funcionario implicado na elaboración deste documento. O orzamento do vindeiro ano increméntase nun 1,54% con respecto ao correspondente ao actual exercicio. O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Román Romero, explicou que o Concello continúa mantendo a cero a débeda bancaria. Así mesmo, o edil destacou que os impostos municipais continuarán conxelados e “con esta situación, destinamos unha partida de 2,6 millóns de euros a investimentos, unha cifra que se irá incrementando ao longo do ano coa incorporación dos remanentes e que situará o investimento a finais do ano 2020 en cifras superiores ás do actual exercicio”. A atención ás persoas, destacou, continúa sendo prioritaria, e ao servizo de Axuda no Fogar destinarananse 2,5 millóns de euros, dos que máis dun millón procederá de fondos municipais, e o resto son aportacións da Xunta e das familias. Os programas de conciliación e igualdade municipais tamén percibirán importantes partidas en 2020. A maiores, o orzamento contempla o novo contrato de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria, con importantes melloras no servizo tanto na zona urbana como na rural; resérvanse tamén partidas para o mantemento de instalacións municipais e, a maiores, investiranse máis de 500.000 euros en saneamento no lugar de Ferrerías, en Prados; outros 219.000 na rehabilitación do muíño de Xuvia, construirase un parque infantil no Val e novos estacionamentos disuasorios, entre outros investimentos. As enmendas presentadas polo PP ao documento contable rexeitáronse. O edil de Xestión Orzamentaria explicou un por un os motivos da desestimación das mesmas. Romero coincidiu coa alcaldesa en tildar de “incoherentes” os plantexamentos dos populares –en canto á relación das demandas e as baixas que realizan- e lamentou a falta de vontade para respaldar un documento principalmente de carácter social. O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, recalcou que se trata dun orzamento “récord” na cidade, con conxelación de impostos e básicamente social. “Os remanentes completarán a área de investimentos”, apuntou Pita, que afeou a falta de compromiso do goberno autonómico con Narón. Na Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobada tamén hoxe contémplase a creación de tres postos de bombeiro condutor, se ben se realizarán axustes de función en tódolos departamentos municipais. Así mesmo, aprobouse o prego de cláusulas que rexerá o contrato do servizo de Recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza Viaria. Na sesión plenaria acordouse a adhesión do Concello á plataforma Geiser/Orve, de Rexistro electrónico e sistema de interconexión de rexistros da administración xeral do Estado. A corporación local asinou unha declaración institucional que se levou ao pleno en sinal de apoio á conmemoración do 25N, Día Internacional contra a violencia machista, agradecendo Marián Ferreiro a unanimidade acadada por todos os grupos políticos. No documento acórdase, entre outras medidas, instar ao goberno central e grupos políticos do Congreso a realizar modificacións no Código Penal para clarificar o delito de violación; poñer en marcha as medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e demandar á Xunta unha Unidade de Violencia Machista específica. Fóra da orde do día tamén saíu adiante unha declaración institucional contra o esmorecemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e a prol da súa reindustrialización. No documento exponse a situación actual da comarca e consta o apoio de todos os grupos con representación na corporación local –TEGA, PSOE, PP e BNG- á manifestación convocada para esta tarde polos sindicatos CIG, CCOO e UGT. No apartado de mocións aprobouse a presentada polo BNG sobre a Vía Galega, instando ao Parlamento Galego a considerar a emigración como un drama social e nacional e concebir o problema como unha emerxencia social, así como plantexar unha serie de medidas e políticas para rematar con este drama, tal e como indica o documento.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal