Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PRAZA DE GALICIA ACOLLERÁ A VINDEIRA SEMANA A "I EXALTACIÓN GASTRONÓMICA DO MARISCO DA RÍA"
A cita terá lugar o 14 de decembro baixo unha gran carpa e a maiores da degustación de varios menús elaborados con marisco tamén haberá música, actividades informativas e obradoiros infantís, tal e como avanzou o concelleiro de Promoción Económica, David Pita
Narón, 5 de decembro de 2019. O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou hoxe con Roberto Horjales, presidente da Asociación de Percebeiros de Meirás, e Yolanda Barcón, integrante das mariscadoras de a pé da Confraría de Barallobre a primeira edición da Exaltación gastronómica do marisco da ría. Pita explicou que se trata dunha proposta que se abriu a todas as confrarías da ría de Ferrol “e na que o importante é reivindicar o sector marisqueiro, que consideramos que é o sector primario máis relevante da zona, e tamén poñer en valor os produtos da nosa ría, moitos deles descoñecidos por algunha xente da propia comarca”. Pita explicou que a cita gastronómica terá lugar o vindeiro sábado, día 14, na Praza de Galicia, de 12.00 a 22.00 horas de xeito ininterrompido. Haberá unha gran carpa con mesas e sillas para que os comensais poidan degustar elaboracións como tortilla con berberechos, arroz con marisco, fabas con ameixas, ameixas rubias á mariñeira, mexillóns e percebes, que cociñará persoal de entidades adheridas a este evento. Os tickets para degustar estes menús poderán adquirirse a prezos populares nun espazo habilitado para tal fin, según apuntou o edil naronés. A proposta inclúe ademais unha sesión vermú, unha actuación musical, unha sesión informativa sobre mariscos da ría a cargo dun biólogo (explicará as especies que habitan na ría, os métodos de extracción, etc) e tamén obradoiros infantís sobre actividades vencelladas coa ría. O presidente da Asociación de Percebeiros de Meirás agradeceu o ofrecemento do Concello para poder participar neste evento no que promocionar o percebe, moi característico da zona. Pola súa banda, a representante da Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, Yolanda Barcón, reivindicou a calidade da ostra que se captura na ría, salvaxe e de forma irregular e asimétrica, cun elevado índice de comercialización en toda Galicia. O concelleiro naronés animou á veciñanza a acudir a esta cita gastronómica e gozar tanto das elaboracións que se ofrecerán como das actividades e información enmarcadas neste programa. “Confiamos en que a convocatoria sexa todo un éxito e que poidamos organizar novas edicións en vindeiros anos”, asegurou Pita.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal