Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNHA DECENA DE BOMBEIROS DO SPEIS DE NARÓN CONTINÚAN TRABALLANDO NA NAVE DE PAYDES INCENDIADA ONTE E MANTERÁN UN RETÉN ESTA FIN DE SEMANA
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, indicou que este mediodía se están realizando traballos de refrixeración e valorou o labor que dende onte realizan os profesionais do Speis de Narón e da Policía Local, reiterando o agradecemento aos que ofreceron a súa colaboración dende outros concellos e organismos
Narón, 24 de xaneiro de 2020. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse novamente a primeira hora da mañá ao polígono de Río do Pozo para ver o avance dos traballos que bombeiros do Speis de Narón continúan realizando para extinguir por completo o incendio rexistrado onte á tarde na nave da empresa Paydes, Papeles y Desarrollos, que se logrou controlar na tarde de onte. Ao longo da noite un total de quince efectivos do Speis estiveron traballando na zona e a primeira hora desta mañá desprazábase un retén de dez persoas que continuará durante toda a tarde e tamén haberá un equipo de retén durante a fin de semana. “A maiores do problema da temperatura que se rexistra no interior da nave, unha vez que comece a baixar é cando hai maior risco de dilatación da estrutura, con posible risco de colapso e o que iso supón a nivel de seguridade”, explicou Ferreiro. Axentes da Policía Local de Narón continúan velando pola seguridade na zona, que está acordonada e co tráfico desviado para non entorpecer os traballos dos profesionais do Speis. “A primeira hora de hoxe aínda se rexistraban focos illados de lume no interior da nave, donde hai moita masa combustible e altamente inflamable. Estanse realizando este mediodía tarefas de refrixeración e a previsión é que os bombeiros poidan acceder ao interior esta tarde dende os laterais e con monitores portátiles, pero faranno no caso de que non supoña un risco para o persoal, priorizando en todo momento a súa seguridade”, apuntou Ferreiro. Os traballos realizados na xornada de onte evitaron que o lume se propagase a outras naves industriais localizadas na zona e “afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais, aínda que os materiais foron moi graves e calcinaron por completo as instalacións desta empresa”, asegurou. “Ao longo da mañá estiveron traballando na zona dez efectivos do Speis de Narón e este mediodía estase controlando a coroa de fume, aínda que con pequenos rebrotes pero que en todo momento vixía o persoal do Speis”, destacou Ferreiro. A alcaldesa agradeceu “o esforzo que realizaron os bombeiros do Speis de Narón, os que estaban no seu turno e tamén aqueles que estando de días libres ou vacacións se incorporaron de inmediato tralo suceso para axudar nos traballos, así como de Protección Civil e a Policía Local da cidade”. Así mesmo, Ferreiro destacou “a colaboración prestada dende outros concellos e organismos, dende donde varios profesionais se afanaron en apagar o lume durante varias horas e en garantir a seguridade na zona, pechándoa ao tráfico, ou ofrecendo a súa axuda en caso de que fose precisa”. A empresa Paydes, ubicada no sector III do polígono de Río do Pozo ten unha superficie duns 3.000 metros cadrados e adicábase á fabricación de bolsas de papel e plástico, materiais que tamén reciclaba e que estaban almacenados na zona, xunto con outros altamente inflamables, de aí a virulencia do lume durante varias horas.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal