Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO LICITA OBRAS DE ACCESIBILIDADE, MELLORAS DE CAMIÑOS E SANEAMENTO POR UN IMPORTE QUE RONDA O MILLÓN DE EUROS
A alcaldesa; Marián Ferreiro, destacou a importancia do investimento a realizar, en canto que permitirá continuar mellorando infraestruras e ampliando servizos no termo municipal
Narón, 20 de febreiro de 2020. O Concello destina unha partida de 952.285 euros á execución de varias obras na zona urbana e rural da cidade. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que explicou que con cargo a estas obras do POS+ Adicional 2019 se mellorará o estado do firme de camiños da zona rural, se dotará de saneamento a algo máis de 70 vivendas de Ferrerías-Prados e, a maiores, se mellorará a accesibilidade nas rúas da Paz e Mugardos. Todas as obras están actualmente en proceso de licitación, tal e como asegurou, na Sede Electrónica do Concello. A alcaldesa indicou que no que respecta á zona rural, procederase a reforzar a rodadura en camiños de varias parroquias. Trátase dunha intervención, apuntou, orzamentada en 241.402 euros “a través da que se mellorará o estado actual de camiños de varias parroquias da zona rural, reparando e repoñendo o pavimento que se foi deteriorando co paso do tempo”. En canto á intervención, apuntou que se levará a cabo nun total de vinte e catro camiños que urxen melloras na rodadura e plataforma. “A actuación, que tamén leva implícita a limpeza de cunetas e noiros, contempla a maiores o acondicionamento dos accesos aos centros cívicos sociais das parroquias de Sedes e San Xiao e ao campo de fútbol de San Mateo”, avanzou Ferreiro. Os camiños que se repavimentarán localízanse nas parroquias de Doso, Pedroso, Sedes, San Xiao, Castro, O Val, San Mateo e Piñeiros. O Concello licitou a maiores o proxecto de ampliación da rede de saneamento na zona de Ferrerías-Prados, unha actuación que suporá un investimento, según apuntou a alcaldesa, de 554.236 euros. “A través destas obras ofrecerase o servizo a un total de 72 vivendas, podendo ampliar a cifra potencialmente ata as 97”, asegurou. Os traballos a executar con cargo a este proxecto consisten, indicou, na instalación dun colector de saneamento no lugar de Ferrerías e Prados, na parroquia de San Xiao, a través da estrada provincial DP-5404. En materia de melloras de accesibilidade tamén se licitaron dúas actuacións no termo municipal, concretamente nas rúas Mugardos e da Paz. No primeiro dos casos trátase dunha intervención orzamentada en 102.198 euros que permitirá mellorar a accesibilidade e ampliar as beirarrúas deste vial, lateral da estrada da Trincheira. “As obras a realizar facilitarán o tránsito pola zona aos peatóns en xeral e persoas con mobilidade reducida en particular e consisten na demolición das actuais beirarrúas e a execución dunhas novas máis anchas, uns traballos que se aproveitarán para soterrar a canalización de alumeado, recolocar sumideiros e habilitar pasos peatonais no citado vial”, explicou Ferreiro. En canto á rúa da Paz apuntou que os traballos suporán un investimento de 54.449 euros e “a maiores de demoler as beirarrúas existentes e construír unhas novas e tamén recolocar sumideiros e soterrar a canalización de alumeado, como no caso da rúa Mugardos, habilitaranse pasos de peatóns”, apuntou. A alcaldesa indicou que as empresas interesadas en presentar ofertas a estes traballos poden presentar as súas ofertas ata o 9 de marzo, podendo obter toda a información a través da Sede Electrónica do Concello. “Trátase de catro actuacións que permitirán continuar avanzando en materia de accesibilidade e saneamento e tamén mellorar considerablemente o estado de varios camiños da cidade con cargo a este importante investimento”, subliñou Marián Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal