Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PROGRAMA DE ENTROIDO DE NARÓN ACOLLERÁ MAÑÁ UN PASARRÚAS CON OITO COMPARSAS E O FESTIVAL NA PISTA POLIDEPORTIVA DA SOLAINA
O acto central co Festival de Comparsas dará comezo ás 18.00 horas na pista polideportiva da Solaina
Narón, 21 de febreiro de 2020. As comparsas naronesas Os Argalleiros, da Gándara; Viagem ao Povo Inuit (Semente de Trasancos), de San Mateo; Troupele, Troupele, tamén da Gándara; Os Parrandolos, de Piñeiros, e Os Colludos (Asociación Cultural ASCM), da Solaina xunto coas de A Canteira, de Neda; Os Trastos, de Valdoviño e A Revolta, de Ferrol participarán mañá no Festival de Comparsas de Entroido que se celebrará na pista polideportiva da Solaina e no pasarrúas previo entre a Praza da Gándara e o barrio da Solaina. As oito formacións concentraranse ás 17.00 na Praza da Gándara, dende donde sairán ás 17.15 horas cara á pista polideportiva da Solaina percorrendo as rúas Vigo, Wenceslao Fernández Flórez, as estradas da Trincheira e da Gándara e as avenidas de Santa Icía e A Solaina, para ás 18.00 horas dar comezo as actuacións das comparsas na pista polideportiva da Solaina, baixo unha gran carpa. Inventi Teatro presentará o festival, no que actuará tamén a banda musical Los Mecánicos. O edificio do novo centro de saúde, os alcaldes e candidatos ás anteriores eleccións municipais en varios concellos da comarca, o goberno central, e a crise económica serviron ás comparsas como tema das letras dalgunhas das cancións que se poderán escoitar mañá. As actuacións de cada unha das formacións terán unha duración de dez minutos e as tres que reciban maior puntuación do xurado –integrado por un membro do Padroado da Cultura e un representante de cada comparsa- levarán como agasallo unha figura en recordo do día do Entroido. A orixinalidade dos disfraces, o enxeño na crítica feita na actuación, a calidade musical e o que cada unha das actuacións supoña de recuperación do Entroido en Galicia serán os apartados que valorará o xurado. Haberá tamén no Festival de Entroido de Narón un concurso de disfraces para o que as persoas interesadas en participar deberán anotarse ese mesmo día nun espazo habilitado para tal fin baixo a carpa da pista polideportiva. Os adultos optarán como premio a cestas con produtos de Entroido e os menores a libros e entradas para algún espectáculo do Pazo da Cultura. Na xornada do domingo 23 celebrarase o “Carnaval Altea 2020” organizado polo Concello e a Asociaciación de Veciños “Altea”, de Xuvia. Tamén baixo unha carpa que se localizará na pista polideportiva de Xuvia, desenvolveranse unha serie de actos dirixidos a todo tipo de públicos. Ás 12.30 horas comezará a sesión vermú e actuará o grupo Karamba para ao mediodía, sobre as 14.30 horas comezar o xantar popular organizado pola entidade veciñal Altea, a base de sopa, cocido, sobremesa de entroido, pan, bebida e café. Xa pola tarde continuará a festa a partir das 17.00 horas, coa actuación de “Uxía Lambona e a banda molona” dirixida a público infantil e unha hora máis tarde, ás 18.00, comezar a sesión de baile infantil, con inchables e música e na que se entregarán agasallos e se realizarán sorteos entre os asistentes. No marco das propostas de Entroido para estes días na cidade, durante a fin de semana –e ata o 1 de marzo- continuará desenvolvéndose o Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Club Narón Gastronómico. Vinte establecementos de hostalería da cidade servirán –de balde ou por un prezo máximo de tres euros, a elección do local- tapas elaboradas con produtos de Entroido. Para consultar os establecementos, a súa ubicación e o horario no que servirán as tapas pódese consultar a web: http://www.naron.es/web/docs/concurso_tapas_entroido.pdf.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal