MINUTO DE SILENCIO ANTE O CONCELLO EN RECORDO DAS PERSOAS FALECIDAS POLA PANDEMIA DA COVID-19
As bandeiras do Concello locen a media asta e na estatal colocouse un crespón negro en sinal de loito
Narón, 27 de maio de 2020. Integrantes da corporación local de Narón, coa alcaldesa, Marián Ferreiro, á fronte, e persoal funcionario e laboral do Concello gardaron este mediodía, ás 12.00 horas, un minuto de silencio en recordo das persoas falecidas pola pandemia da Covid-19, sumándose deste xeito á proposta da FEMP para respectar a memoria das vítimas. A continuación os asistentes aplaudiron outro minuto recordando aos milleiros de persoas falecidas por coronavirus.
No Concello locen tamén as bandeiras a media asta e colocouse un crespón negro na estatal en sinal de loito polas persoas falecidas a causa da Covid-19, un loito que aprobou convocar o Consello de Ministros durante dez días, ata o vindeiro 6 de xuño.