Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADA NO PLENO A MODIFICACIÓN NA ORDENANZA REGULADORA DAS TERRAZAS PARA AMPLIAR SUPERFICIES E HORARIOS
As modificacións aprobadas realizáronse atendendo ás achegas plantexadas polo sector hostaleiro da cidade
Narón, 28 de maio de 2020. O goberno local aprobou hoxe no pleno ordinario, celebrado a través de videoconferencia e coa única presencia no Concello da alcaldesa, Marián Ferreiro, o Secretario Xeral e a Interventora municipal as modificacións da Ordenanza municipal reguladora das terrazas dos locais de hostalería da cidade. Este punto da orde do día foi tamén respaldado polos edís do PP, que votaron a favor, mentres que o BNG se abstivo. En base a esas modificacións aprobadas os hostaleiros poderán ampliar as superficies xa autorizadas ou instalar outras novas en espazos libres privados e tamén nalgúns públicos peonís, cumprindo unha serie de requisitos. Unha vez aprobadas as modificacións no pleno deberanse publicar no BOP para a súa entrada en vigor. O portavoz de TEGA, Román Romero, destacou o feito de que as variacións se fixeron atendendo ás propostas achegadas polo sector hostaleiro e sinalou que se trata dunha medida máis para reactivar e dinamizar o sector. No mesmo senso se manifestou o voceiro do PSOE, David Pita, que destacou o “gran esforzo” realizado dende o Concello, “consciente da problemática que atravesa o sector”. Os locais de hostalería da cidade poderán instalar de xeito provisional terrazas ocupando algunha praza de estacionamento ubicada preferentemente na fronte da fachada do propio local. Para poder facelo terán que dispoñer dos informes técnico e policial pertinentes, no que se comprobará que cumpren unha serie de medidas, como respectar os accesos a portais, entradas de garaxes, escaparates, non tapar vitrinas de comercios. Contémplase tamén a instalación de tarimas, que deberán estar ao mesmo nivel que as beirarrúas e pertinentemente delimitadas, pero non se permite a instalación de cubertas estables nin pérgolas. Outra das modificacións aprobadas no pleno de hoxe contempla a ampliación da superficie das terrazas en locais que xa as teñen autorizadas ou para instalar alguna en espazos libres privados ou públicos peonís. Neste caso, tal e como se recolle no documento, é preciso respectar as medidas de distanciamento social e deixar paso para os peóns, preferentemente situaranse na fronte da fachada do edificio e, como no caso anterior, tampouco poderán ter cubertas estables nin pérgolas. A modificación da Ordenanza municipal reguladora das terrazas inclúe un apartado cunhas medidas de carácter excepcional, que se manterían na vixencia da aplicación da actual disposición transitoria. Entre elas está a posibilidade de instalar televisións, que poderán estar acesas ata as 23.00 horas pero sen sistemas de amplificación de son. Así mesmo, en canto ao horario de funcionamento das terrazas, poderán facelo ata as 01.30 horas da madrugada ata o mes de setembro, incluído, e de outubro a decembro ata as 23.30 horas, excepto as noites do venres a sábado e de sábado a domingo, así como as vésperas de festivos, que poderán abrir ata as 01.00 horas. Unha vez chegada a hora límite de funcionamento non se poderán servir máis consumicións e o recinto das terrazas deberá quedar baleiro no prazo máximo de trinta minutos. No pleno aprobouse unha moción do BNG para instar á Xunta a reabrir a matrícula nas escolas do CRA pechadas na cidade e tamén a realizar as obras necesarias nos edificios escolares para que reúnan as condicións necesarias de habitabilidade de cara ao inicio do novo curso escolar. A edil de Ensino, Mercedes Taibo, recordou que dende o grupo de goberno se solicitou xa á Consellería de Educación que elabore un Plan de Desescalada con protocolos específicos para a reapertura dos centros, tanto nesta fase II como no inicio do vindeiro curso, informando ás familias sobre o procedemento e servizos complementarios dispoñibles para conciliar a vida laboral e familiar e priorizando ás familias máis vulnerables. O BNG presentou outra moción sobre a lingua galega, respaldada polo bipartito TEGA-PSOE instando á Xunta a ampliar ata o 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero, a adoptar medidas económicas extraordinarias para apoiar ao sector da Cultura e do libro en galego e a restituír o orzamento recortado nos últimos anos para promocionar a lingua galega, entre outras medidas. Así mesmo, na sesión saíu adiante unha moción presentada polo PP para instar ao Ministerio de Traballo e o de Asuntos Sociais e ao Goberno de España a actualizar o Real Decreto 1299/2006 e incluír a infección por Covid-19 no cadro de enfermidades profesionais no sistema de Seguridade Social, para persoal dos diferentes gremios que prestaron e prestan servizos durante a pandemia, aceptando a enmenda presentada polo grupo de goberno para non limitar a petición unicamente ao persoal sanitario tal e como poñía inicialmente a moción. Por vía de urxencia aprobouse por unanimidade unha moción do PSOE, asinada por TEGA, para que as administracións locais manteñan o seu compromiso humanitario e reforcen as súas políticas de cooperación ao desenvolvemento e solidariedade internacional para erradicar pandemias como a da Covid-19, entre outras que azoutan o planeta.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal