Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PARTICIPOU HOXE NUNHA XORNADA DE BOAS PRÁCTICAS MUNICIPAIS NA PREVENCIÓN E INTERVENCIÓN FRONTE AO ABSENTISMO E ACOSO ESCOLAR
As edís de Ensino, Mercedes Taibo, e Benestar Social, Catalina García, destacaron o labor das educadoras social e familiar que impulsaron o proxecto premiado en Narón e o das familias que participaron no mesmo
Narón, 9 de xullo de 2020. O Concello de Narón participou esta mañá nunha videoconferencia da Xornada de Boas Prácticas Municipais na Prevención e Intervención fronte ao Absentismo e Acoso Escolar, xunto con outros vinte e catro concellos premiados, ademais de Narón, na quinta edición dun concurso convocado pola FEMP e o Ministerio de Educación e Formación Profesional. As concelleiras de Ensino, Mercedes Taibo, e Benestar Social, Catalina García, acompañaron ás educadoras social e familiar do Servizo Sociocomunitario que se encargaron de impulsar e desenvolver o proxecto premiado na cidade, sobre “Intervención en casos de absentismo escolar”, e que tiveron a oportunidade de expoñelo hoxe nunha das mesas de diálogo organizadas a través destas xornadas. A subdirectora xeral de Cooperación Territorial e Innovación Educativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional, Nuria Manzano, e o secretario Xeral da FEMP, Carlos Daniel Casares, encargáronse de inaugurar a xornada esta mañá, ás 10.00 horas. O turno de Narón chegou coa segunda Mesa de diálogo, pasadas as 11.00 horas, momento no que as educadoras social e familiar do Concello presentaron o programa implantado nos centros de ensino da cidade e premiado na categoría de prevención e intervención fronte ao absentismo escolar en municipios de máis de 20.000 habitantes. A profesora titular do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Sevilla, Rosario del Rey, foi a encargada de moderar a mesa na que se presentou o proxecto de Narón, xunto con outros de Madrid, Las Palmas, Murcia e Toledo. A alcaldesa de Sant Boi de Llobregat e presidenta da Comisión de Educación da FEMP, Llüisa Moret, foi a persoa encargada de clausurar a xornada trala mención a todos os programas premiados na convocatoria. O programa impulsado dende as áreas de Ensino e Benestar Social traballa no ámbito da prevención escolar e consistiu en impartir charlas a alumnado e familiares e celebrar diversas actividades nas aulas para detectar situacións de acoso escolar co fin de erradicar estas conductas. A maiores incluíronse actividades extraescolares como Premenor, de reforzo educativo con familias derivadas dende o Servizo Sociocomuntario e no que durante o período do estado de alarma continuaron traballando os participantes a través das novas tecnoloxías. Mercedes Taibo e Catalina García valoraron o traballo realizado dende o Concello para poder materializar o proxecto “Intervención en casos de absentismo escolar” e destacaron tamén a implicación de todas as persoas que participaron no mesmo, co fin de frear situacións e conductas que se rexistran cada día e que hai que erradicar traballando dende a base, na prevención. As edís naronesas avanzaron que o Concello continuará apostando por darlle continuidade a este programa e reforzalo “para acadar os mellores resultados posibles”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal