Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 250 MENORES PARTICIPARON NOS DOUS PROGRAMAS DE OCIO EDUCATIVO DO CONCELLO E O CAMPAMENTO DE VERÁN DO PADROADO DA CULTURA
O Concello e o Padroado da Cultura impulsaron estas iniciativas, para persoas de 3 a 18 anos, co fin de facilitar a conciliación familiar e laboral durante a tempada estival
Narón, 10 de setembro de 2020. Os dous programas de conciliación familiar organizados polo Concello Municipal, “PekeAldea” e “KDD Mocidade X Igual” e os “Campamentos de Verán” do Padroado da Cultura reuniron durante os meses de xullo e agosto a un total de 267 nenas e nenos de 3 a 18 anos, que participaron nas actividades que se levaron a cabo nas propostas que elixiron. As concellerías de Igualdade e Mocidade, dirixidas por Mar Gómez e Pablo Mauriz, respectivamente, convocaron os programas municipais, se ben o do Padroado impulsouse a través da área de Cultura, presidida polo concelleiro Guillermo Sánchez Fojo. Un total de 196 menores participaron nos Campamentos de Verán do Padroado da Cultura, que comezaron o 6 de xullo e remataron o 21 de agosto, con quendas semanais e grupos formados por menores de diferentes idades de 3 a 5 anos; de 6 a 9 e de 10 a 12. As actividades programadas leváronse a cabo maioritariamente nas instalacións do Pazo da Cultura, aínda que tamén se realizaron algunhas no exterior. Clases de baile (deportivo, tradicional de salón e moderno), xogos tradicionais, obradoiros… foron algunhas das propostas das que gozaron os asistentes, unha media que rondou os 30 participantes por cada unha das quendas. A maiores, dende o Concello impulsáronse dúas propostas de ocio educativo, en ambos casos de balde, os programas municipais “PekeAldea” e “KDD Mocidade x Igual”. O programa “PekeAldea” dirixiuse a menores nados entre 2008 e 2016 e programáronse catro quendas do 6 de xullo ao 31 de agosto, ás que acudiron un total de 53 nenas e nenos da cidade. Así mesmo, a segunda das iniciativas municipais, “KDD Mocidade X Igual” estaba pensada para un total de 18 rapazas e rapaces nados entre 2002 e 2007 e tivo lugar do 6 ao 12 de xullo. Estes dous programas leváronse a cabo nas instalacións do parque de Aldea Nova, na parroquia de Sedes, dispoñendo os participantes de servizo de transporte dende a Casa da Mocidade ata as citadas instalacións. Robótica, lectoescritura, experimentos, actividades medioambientais, de cooperación… formaron parte da programación destes dous programas de conciliación municipais. Dende o goberno local aseguraron estar “moi satisfeitos pola excelente acollida que tiveron tanto as dúas propostas de ocio educativo do Concello como os campamentos do Padroado da Cultura impulsadas para fomentar a conciliación laboral e familiar e que se desenvolveron seguindo todas as medidas de seguridade”. Así mesmo, destacouse que os menores realizaron “unha moi boa valoración das actividades que se levaron a cabo nos mesmos, e así nolo trasladaron unha vez que remataron”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal