Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCERTO DE SÉS INICIARÁ A VINDEIRA SEMANA A PROGRAMACIÓN DO ÚLTIMO CUADRIMESTRE DO ANO NO PAZO DA CULTURA
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou que este mes se retoma a programación do Pazo con espectáculos dirixidos a todos os públicos e baixo o correspondente protocolo de prevención da Covid-19
Narón, 12 de setembro de 2020. Os espectáculos teatrais e a música regresarán de novo a partir da vindeira semana ao Pazo da Cultura. “O protocolo establecido para cumprir as medidas sanitarias de prevención da Covid-19 marcará o desenvolvemento da programación deseñada dende o Padroado da Cultura para o último cuadrimestre do ano, na que haberá espectáculos dirixidos a todo tipo de públicos”, tal e como recordou a alcaldesa e presidenta do citado organismo, Marián Ferreiro. A primeira das citas, apuntou, terá lugar o vindeiro venres, día 18, e estará protagonizada pola cantante Sés. A partir das 20.30 horas dará comezo o concerto no que presentará ao público o seu sexto traballo discográfico, “Liberar as arterias”. Durante aproximadamente dúas horas poderanse escoitar os temas deste disco, no que a artista amosa a súa continua evolución no estilo musical e a súa alma cantareira. O prezo das entradas é de 12 euros para o público xeral e de 8,40 para abonados, desempregados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e menores de 14 anos. Aínda quedan algunhas disponibles, polo que as persoas interesadas en asistir poden adquirilas no despacho de billetes do Pazo ou a través da web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. O día seguinte, o sábado 19 ás 20.00 horas, terá lugar outra representación teatral, nesta ocasión a comedia “As Virxes salvaxes”, da compañía Teatro do Noroeste. A temática desta peza xira en torno á situación de recluír ás persoas maiores en institucións nas que os coiden, unha situación que xorde coas présas e os apuros da cultura urbana, donde os maiores parecen non ter cabida. Unha nova interna chega a unha destas institucións porque a súa filla non a pode atender, e outras realizan, sen pretendelo, unha revolución poñendo en cuestión a institución, xerando un caos no que non faltarán situacións tremendamente divertidas. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para as tarifas reducidas. A programación dirixida a público familiar e infantil tamén se retomará este mes, concretamente o día 20. A compañía Fantoches Baj representará o espectáculo “Os golfiños e o xigante”, a partir das 18.00 horas. Baseada nun feito real, esta peza é unha fábula contada con sombras chinesas, protagonizada por Bao Sí Shun, un home considerado polo Récord Guiness o máis alto do planeta e que grazas ao seu longo brazo conseguíu extraer dúas boias de piscina do esófago duns delfíns. A adestradora dun acuario irá na súa procura superando diferentes atrancos, atopándoo na súa aldea natal, dende onde van salvar aos delfíns. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público xeral; 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e 5,50 para menores de 14 anos. Pecharán a programación deste mes no Pazo os integrantes da compañía Funamviolinistas, o día 26 ás 20.00 horas co espectáculo “ContraEscena”, unha proposta de teatro musical de algo máis dunha hora de duración e protagonizada por tres artistas itinerantes que van presentando o seu show por diferentes lugares. O público poderá ver o que sucede entre bastidores, as intimidades destas tres mulleres que dan a coñecer en clave cómica e dramática o reto que supón conciliar as súas responsabilidades, dúbidas e aspiracións persoais coa convivencia entre elas. Trátase de tres mulleres moi distintas entre elas pero que tamén teñen lazos que as unen. A alegría e o bo humor marcan este espectáculo sobre a vida, na que todos somos protagonistas. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para público xeral e 6,65 con tarifa reducida.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal