Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA ABRIRÁ O LUNS O PRAZO PARA PRESENTAR OBRAS AO "XII CONCURSO DE PINTURA CIDADE DE NARÓN"
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron hoxe as bases do concurso
Narón, 25 de setembro de 2020. O Padroado da Cultura de Narón convoca este ano unha nova edición, a duodécima, do “Concurso de Pintura Cidade de Narón”. A alcaldesa da cidade e presidenta do organismo, Marián Ferreiro, que presentou o evento xunto co edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, explicou que “debido á actual situación sanitaria realizamos algúns cambios nas bases deste certame, co fin de establecer e aplicar todas as medidas preventivas fronte á Covid-19”. Haberá a posibilidade de participar nas categorías profesional, amadora e infantil, con diferentes prazos para poder presentar os seus traballos a este certame. Na categoría profesional as obras presentaranse de xeito telemático, a través do correo: pinturacidadedenaron@padroadocultura.es dende o vindeiro luns, día 28, ata o 24 de outubro. “O feito de presentalas telematicamente é un dos cambios neste concurso debido á actual pandemia e tamén haberá novidades en canto á exposición das obras, xa que pasarán á final un máximo de 24 que serán seleccionadas por un xurado e que, de consideralo estes profesionais, poderase incrementar esa cifra, en función da calidade dos traballos presentados”, explicou Ferreiro. Esas obras da categoría profesional seleccionadas polo xurado deberán entregarse no Pazo da Cultura (r/Holanda s/n, 15570, Narón) ata o 10 de novembro, de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. As obras seleccionadas permanecerán expostas do 16 ao 23 de novembro, xornada esta última que coincide co Día de Narón, festividade local, e na que se entregarán os premios deste certame no Pazo da Cultura. En canto ás categorías amadora e infantil –esta última ata 15 anos- as obras poderán presentarse presencialmente no Pazo da Cultura, do 19 ao 24 de outubro e neste caso, tal e como indicou a alcaldesa, “exporanse todas as presentadas ao certame, podendo verse do 2 ao 11 de novembro no horario de apertura das instalacións”. En canto aos premios desta nova edición do certame, Marián Ferreiro explicou que tamén haberá novidades. “Haberá un primeiro premio profesional “Cidade de Narón” valorado en 3.000 euros e un primeiro premio para a categoría amador “Francisco Criado”, dotado con 500 euros, se ben o certame infantil estará fóra de concurso pero todas as nenas e nenos que participen levarán como agasallo un recordo. As obras gañadoras dos premios “Cidade de Narón” e “Francisco Criado” pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura de Narón e o gañador ou gañadora do concurso terá dereito a unha exposición das súas obras de 15 días no Pazo da Cultura, nas condicións que determine o Padroado da Cultura. As obras presentadas deben ser orixinais, unha como máximo por autor/a, non poderán presentarse obras premiadas noutros certames e a temática, técnica e estilo serán libres, tal e como se estipula nas bases deste certame. As bases ao completo deste concurso poden consultarse na web do Concello de Narón: www.naron.es. A alcaldesa e o edil de Cultura animaron á veciñanza de Narón e á xente doutros concellos a presentarse a este certame, consolidado xa entre as actividades impulsadas dende o Padroado da Cultura de Narón.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal