Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO REFORZARÁ A VIXILANCIA POLICIAL E SUSPENDE AS ÚLTIMAS CLASES NOS PADROADOS DE CULTURA E DEPORTES
A alcaldesa, Marián Ferreiro, anunciou as novas medidas que se adoptarán para frear o avance da pandemia da Covid-19
Narón, 26 de outubro de 2020. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá a Xunta de Voceiros celebrada no Concello. No transcurso da mesma informou aos voceiros dos grupos políticos da corporación local sobre as medidas adoptadas dende o Concello con motivo da actual situación epidemiolóxica. “Trala Orde de 21 de outubro de 2020 da Xunta de Galicia e o Real Decreto de onte do Goberno central foi preciso adaptar e incluso cancelar algunhas actividades ou eventos que se desenvolvían ou estaban programados na cidade”, explicou a rexedora local que avanzou que “á espera de novas medidas que puidese decretar a Xunta de Galicia trala reunión prevista do Comité Clínico, dende o Concello continuaremos aplicando as que tiñamos establecidas e operativas nas últimas semanas, moitas delas en activo dende que se decretou o estado de alarma, o pasado mes de marzo”. En canto ao Padroado da Cultura, procederase a rematar as actividades que alí se desenvolven a través das Escolas Culturais Municipais ás 22.30 horas, en lugar de ás 23.00 horas como se viña facendo ata o de agora. Así mesmo, no Padroado de Deportes, as actividades rematarán ás 22.15 horas e suspenderanse tanto as últimas sesións de baño libre –que eran entre as 22.15 e as 23.00- e o curso de perfeccionamento de natación –que era tamén en horario de 22.15 a 23.00-. A maiores, o Concello adoptou medidas de cara a reforzar os controis e a vixilancia para garantir o cumprimento do toque de queda decretado polo Goberno central entre as 23.00 e as 06.00 horas. Ao respecto, Ferreiro explicou que “os axentes da Policía Local incrementarán os controis habituais que se viñan facendo sobre o uso de máscaras, aos que se sumarán os relativos ao cumprimento de horarios por exemplo nos establecementos de hostalería, e a restrición para estar pola rúa fóra dos horarios establecidos sen causa xustificada e contemplada no decreto estatal". En canto á sesión plenaria programada para este xoves, día 29, a rexedora local avanzou que se celebrará vía telemática tamén como medida preventiva e de seguridade. Sobre as actividades que estaban en marcha na cidade, dende hoxe mesmo xa non se celebran as actividades do programa municipal de Envellecemento Activo, dirixidas a veciñas e veciños da cidade maiores de 60 anos e que se impartían nos Centros Comunitarios Municipais. “Dende o Concello manteranse operativos os equipos de nebulización e pulverización mecanizados en vías públicas e prazas, en horario nocturno, e tamén reforzamos a limpeza e desinfección de edificios municipais e zonas de maior concorrencia pública, o baldeo de beirarrías e prazas en zonas de libre concorrencia, incrementamos a limpeza e desinfección de contenedores das diferentes fraccións e mantemos a limpeza diaria e desinfección de todos os parques infantís e biosaudables entre as 07.00 e as 11.00 horas, permanecendo todos os parques cerrados dende as 23.00 horas ata as 11.00”, recalcou Ferreiro. A alcaldesa destacou que “ante a reapertura das tres escolas infantís municipais destinamos unha partida de 95.000 euros a incrementar as horas de servizo do persoal de apoio, limpeza e cociña e reforzamos tamén en máis de 300 horas mensuais os traballos de limpeza e desinfección daqueles centros de ensino da cidade nos que o Concello mantén esa competencia”. Na área de Servizos Sociais, entre outras medidas, habilitouse unha liña telefónica (981 111 024) para redirixir á cidadanía dende aí aos diferentes departamentos: Traballadoras sociais, Dependencia e Familias numerosas, Actividades educativas de maiores e escolas infantís, Material e comedores escolares, estando tamén operativa a liña anterior (981 337 700 extensión 1108). Ferreiro fixo un chamamento á responsabilidade individual para cumprir escrupulosamente todas as medidas decretadas para tratar de frear o avance desta pandemia debido ao alarmante número de casos de contaxios de Covid-19 rexistrados nos últimos días. Finalmente, a alcaldesa indicou que a posible aplicación de novas medidas virá determinada polas indicacións que realicen as autoridades sanitarias de administracións supramunicipais.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal