Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONMEMORARÁ CON VARIOS ACTOS O DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria esta mañá xunto coas edís de Igualdade, Mar Gómez; Benestar Social, Catalina García, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero
Narón, 17 de novembro de 2020. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá o programa de actos do Día Internacional contra a violencia de xénero acompañada polos edís de Igualdade, Mar Gómez, Seguridade Cidadá, Román Romero e Benestar Social, Catalina García. Ferreiro indicou que as propostas deseñadas de cara ao 25N están adaptadas á actual situación sanitaria e encamiñadas a sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de erradicar esta lacra social. A rexedora local anunciou que dende mañá ata o luns 30 de novembro se poderá ver na Biblioteca municipal unha mostra de publicacións que, baixo o título “A violencia contra as mulleres e as nenas”, reunirá máis de medio cento de exemplares das seccións infantil, xuvenil e de adultos/as sobre a temática da violencia machista. Trátase de obras divulgativas, ensaios e literarias a través das que se pretende visibilizar e, ao tempo, combater este gran problema social. Na xornada do día 24 de novembro presentarase publicamente ás 10.00 horas o vídeo “Narón en negro contra a violencia de xénero”, realizado en colaboración coas entidades do Consello Sectorial de Igualdade e no que participan os representantes do goberno local naronés. O propio 25N terá lugar unha proposta adaptada específicamente aos tempos actuais. “Como non é posible celebrar a tradicional Marcha Ciclista pola Igualdade, este ano as rapazas e rapaces de Narón pedalearán nas aulas, nunha bicicleta estática que se instalará en cada colexio e na que a partir das 10.30 horas, a través do equipo de Educación Viaria, irán realizando un circuíto virtual que discurre polos colexios de Narón, rematando xunto ao Monumento á Muller, na Praza da Gándara”. O alumnado –de quinto e sexto de educación Primaria- será seleccionado polos propios centros e participará tamén no xogo feminista Quen é quen?, realizando diferentes probas relacionadas coa Igualdade. Finalmente, pola súa participación, recibirán como agasallo unha máscara infantil conmemorativa do 25N, se ben tamén se entregarán máscaras de adultos á monitoraxe das escolas deportivas e culturais municipais, persoal da Biblioteca, do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, entre outros. Esta iniciativa forma parte dunha campaña municipal de sensibilización social na que se implicará á cidadanía nunha resposta colectiva de rexeitamento á violencia de xénero e aos asasinatos machistas. O acto institucional do Concello terá lugar tamén o mércores 25, ás 12.00 horas, cando se celebrará unha ofrenda floral diante do Monumento á Muller que presidirá a alcaldesa e no que participarán representantes da corporación local. Pola noite tamén se iluminarán de cor malva a fachada do Pazo da Cultura e a rotonda de Freixeiro, a modo de conmemoración desta significativa data. Finalmente, presentarase ante a Comunidade Educativa o “I Plan de Igualdade Intercentros de Ensino do Concello de Narón”, un documento que se dará a coñecer o vindeiro día 27 de novembro no Café Teatro do Pazo da Cultura nun acto ao que, ademais de persoal do Concello, acudirá o director ou directora de cada centro de ensino da cidade. “Un ano máis, tratamos de conmemorar esta data chegando á maior parte da cidadanía posible a través de diferentes iniciativas encamiñadas a sensibilizar á poboación sobre a importancia de erradicar esta lacra social que, cada ano se cobra a vida de tantas vítimas inocentes”, asegurou a alcaldesa.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal