O CONCELLO DECLARA DOUS DÍAS DE LOITO OFICIAL POLO PASAMENTO DA CONCELLEIRA DE CULTURA DE NARON
Manuela Pérez Sequeiros recibirá a Medalla do Concello, a título póstumo.
Narón, 13 de Xullo de 2009.- A Corporación Municipal de Narón celebrou esta tarde un Pleno Extraordinario con motivo do pasamento da Concelleira de Cultura e Ensino de Narón, Manuela Pérez Sequeiros, acaecido esta mañá. Antes de iniciar o Pleno, gardáronse dous minutos de silencio en homenaxe á edil naronesa.
Dada a súa importantísima traxectoria política, a Corporación Municipal acordou por unanimidade iniciar os trámites para conceder, a título póstumo, a Medalla do Concello a Manuela Pérez Sequeiros en recoñecemento ó intenso e desinteresado labor que desenvolveu ó longo da súa etapa como concelleira.
O Concello Pleno acordou tamén manter durante dous días (hoxe e mañá) a declaración de loito oficial, polo que quedan suspendidos tódolos actos oficiais previstos para estas xornadas. O Alcalde, Jose Manuel Blanco, anunciou que tamén queda anulado o pregón das Festas de Verán, previsto para o vindeiro 16 de xullo a cargo dos actores naroneses Jose Luis Prieto e Yolanda Muiños.
As bandeiras ondearán hoxe e mañá a media asta en tódolos edificios municipais, en sinal de loito polo falecemento da Concelleira de Cultura e Ensino de Narón.
UNHA INTENSA TRAXECTORIA POLÍTICA
Veciña da parroquia de O Val, Manuela Pérez Sequeiros (1949-2009) entrou na política municipal no ano 1991 e dende entón ocupou varios cargos de responsabilidade no goberno municipal, vinculada á formación política á que representaba, Terra Galega (TEGA). Ó longo dos 18 anos nos que estivo no Concello, foi Edil de Asuntos Sociais, Muller, e Xuventude, sendo tamén a coordinadora do Servizo Sociocomunitario Municipal. Na actualidade, e dende o ano 2005 dirixía as concellerías de Cultura e Ensino, e era a vicepresidenta do Padroado de Cultura de Narón ademais de presidenta da Comisión da Muller.