Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO HOMENAXEOU A THALÍA ROMERO ROMERO CON MOTIVO DOS ACTOS DO DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO
A edil de Benestar Social, Catalina García, e os portavoces dos grupos políticos da corporación local participaron na convocatoria, que incluíu a inauguración dunha exposición na Biblioteca municipal
Narón, 8 de abril de 2021. O Concello acolleu esta mañá o acto institucional de conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, e os portavoces de TEGA; Román Romero, PSOE, David Pita; PP, Germán Castrillón e BNG, Olaia Ledo, sumáronse á convocatoria, na que se recoñeceu a traxectoria de Thalía Romero Romero, unha moza de 18 anos que cursa actualmente o Ciclo medio de Xestión Administrativa no CIFP Rodolfo Ucha. O Concello organizou o acto xunto coa asociación Acción Familiar Ferrol, no marco do Programa municipal de minorías étnicas, que á súa vez se cofinancia a través do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020. A edil de Benestar Social deu a benvida á homenaxeada, que acudiu ao Consistorio citada supostamente para recibir información sobre unha acción formativa. Para sorpresa da propia Thalía a concelleira naronesa repasou parte do seu currículum e aspiracións, como sacar o carné de conducir e exercer como avogada. "Eres aos teus dezaoito anos todo un exemplo de constancia, superación, coraxe e todo un símbolo de resiliencia para as rapazas e rapaces nuns tempos que non son nada fáciles. Por todo isto e en recoñecemento ao teu esforzo e dedicación citámoste hoxe para felicitarte polos teus logros, desexarche moitos éxitos no futuro e que se cumpran todos os teus obxectivos”, asegurou García. A corporación local de Narón recoñeceu con este acto a traxectoria e valía de Thalía e, tal e como subliñou a concelleira de Benestar Social, “todas as persoas de etnia xitana ou de calquera outro colectivo, como non pode ser doutro xeito, contaredes co firme compromiso deste Concello para continuar traballando co obxectivo de acadar esa tan necesaria igualdade real entre as persoas”. Unha igualdade, asegurou, “sen fisuras, rexeitando calquera manifestación de racismo e defendendo os dereitos de todos os colectivos na sociedade”. Trala intervención de García proxectouse un vídeo con imaxes de mulleres e homes de Narón de raza xitana que na actualidade están traballando en diferentes sectores e que se poderá ver a través das redes sociais do Concello. Así mesmo, as imaxes que integran ese vídeo poden verse na exposición “Xitanos e xitanas de Narón, a nosa historia”, inaugurada hoxe no baixo da Biblioteca e que se poderá visitar de luns a venres entre as 17.00 e as 20.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 horas. A continuación a edil de Benestar Social e o portavoz de TEGA entregáronlle a Thalía Romero dous agasallos, un reloxio e un ramo de flores para, a continuación, ver outro vídeo realizado con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano e no que diferentes persoas, entre elas varios edís da corporación local, amosaron o seu apoio ao pobo xitano e a súa repulsa a calquera manifestación de racismo. Os representantes da corporación local que acudiron ao acto felicitaron finalmente a Thalía pola súa traxectoria e o seu exemplo e acompañárona a visitar a exposición instalada na Biblioteca municipal.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal