Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MARIÁN FERREIRO ANUNCIA O ACORDO COS PROPIETARIOS DO MUÍÑO DE AS ACEAS PARA ADQUIRIR A CONSTRUCIÓN
A alcaldesa indicou que o Concello destinará case 220.000 euros á compra da construción aos actuais propietarios
Narón, 19 de maio de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, materializou na tarde de onte o acordo de compra do muíño de As Aceas cos actuais propietarios. Ferreiro destacou que “a compra deste muíño constata a aposta do goberno local pola recuperación do patrimonio e permitiranos continuar poñendo en valor un dos elementos máis importantes e singulares da historia da nosa cidade”. O acordo rubricarase proximamente no Concello para despois, tal e como indicou a rexedora local, analizar a viabilidade de rehabilitar a construción, obxectivo final do equipo liderado por Ferreiro. O Concello destinará unha partida de case 220.000 euros a adquirir o antigo muíño de mareas construído a finais do século XVIII por Santiago Beaujardín, vicecónsul de Francia en Ferrol e que se decantou por esa zona da cidade, no lugar de Outeiro, para edificar a moenda. O valor deste conxunto a nivel patrimonial e industrial na súa época foi tal que o monarca Carlos IV expediulle unha cédula real, outorgándolle o título de Real Fábrica de Fariñas. A edificación consta, ademais do muíño, dunha presa, vivenda, almacéns e unha zona verde. Antepasados dos actuais propietarios adquiriron o inmoble no ano 1920, xunto con parte da ría que o rodea, tal e como era habitual neste tipo de construcións, aínda que posteriormente esa parte da ría pasou a ser de Dominio Público Terrestre. O muíño de mareas funcionaba coa subida da marea, momento no que se pechaban as comportas da presa e quedaba a auga estancada, aproveitándose para realizar neses momentos a moenda dos cereais. A maiores do valor da edificación, tal e como apuntou Ferreiro, destaca o feito de que “está ubicado nunha zona de paso obrigado para os peregrinos que percorren o Camiño Inglés cara a Compostela ou o de San Andrés de Teixido, ao ubicarse na confluencia dos mesmos, o que incrementa considerablemente o seu valor cultural”. A alcaldesa recordou que o Concello adxudicou recentemente os traballos de rehabilitación do muíño de Xuvia, unha actuación valorada en 1,2 millóns de euros e que se cofinanciará con cargo a fondos europeos e unha achega da administración provincial e que se completará cunha partida duns 240.000 euros da administración local para habilitar o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia. “Queremos poñer en valor o que a nivel industrial supuxeron no seu día tanto o muíño de Xuvia como o das Aceñas, dúas edificacións que funcionaron como fábricas de fariñas e dende as que se exportaba a Europa e outros continentes”, subliñou. Ferreiro recalcou que “a compra do muíño de As Aceas foi un proceso moi longo e para o que dende o Concello levamos moitos anos realizando diferentes xestións, conscientes da importancia de que a construción pasase a ser de titularidade municipal para que, nun futuro, poidan disfrutar dela tanto as nosas veciñas e veciños como calquera persoa que visite Narón”.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es