Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO SÚMASE Á LOITA DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO NO DÍA MUNDIAL SEN TABACO
Dende o Consistorio respáldanse as reivindicacións da AECC a través da campaña "O aire non é un privilexio", tal e como indicou o edil de Sanidade, Santiago Galego
Narón, 31 de maio de 2021. O Concello de Narón súmase hoxe á loita da Asociación Española Contra o Cancro (AECC, @AeccACoruna) con motivo do Día Mundial sen tabaco –que se conmemora hoxe- e con obxectivo de que en España en 2022 poidamos ter a liberdade de respirar sen fume de tabaco. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, explicou que “unímonos á campaña “O aire non é un privilexio”, da AECC, para conseguir máis espazos sen fume e unha protección especial dos menores, por ser os máis vulnerables na exposición ao fume ambiental”. Dende a AECC marcaron a través desta campaña como obxectivos, ademais de acadar máis espazos sen fume, conseguir unha modificación da Lei antitabaco 42/2010 para ampliar as medidas de prevención e control do tabaquismo, prestando especial atención nos menores ante a exposición ao fume do tabaco e prevención do consumo. “Queremos conseguir a primeira xeración de mozas e mozos libres de tabaco, que cumprindo 18 anos no 2030 non fumasen nunca”, aseguran dende a asociación. Así mesmo, dende o colectivo recordan que o fume do tabaco contén ata 70 substancias canceríxenas e causa un tercio de todos os casos de cancro, estando vencellado con ata dezaseis tipos del. A AECC defende medidas como a subida de impostos e aumento do prezo do produto final, a diminución do atractivo do empaquetado ou a restricción da publicidade do tabaco en espazos dixitais dirixidos a adolescentes. A maiores, tamén aposta por aumentar a concienciación e aplicar as mesmas restricións sobre novas formas de tabaco, nicotina e derivados –como cigarros electrónicos ou vapeadores- donde a percepción de risco entre a poboación de menor idade é aínda baixa. Así mesmo, reivindica a ampliación dos espazos sen fume como vía esencial para a redución do tabaquismo e como único medio probado para garantir a protección da cidadanía fronte aos efectos nocivos do fume ambiental. En Galicia, segundo os datos da Asociación Española Contra o Cancro, fuman a diario máis de 418.900 persoas, sendo maior a cifra de exfumadores, 661.815 no ano 2020. “Deixar de fumar é posible e para axudar ás persoas a conseguilo dende a AECC ofrecen cursos de balde en varios concellos, de xeito presencial e telemático, cunha taxa de éxito do 60%”, tal e como aseguran. Os cursos compleméntanse coa aplicación gratuita Respirapp, “de gran utilidade para as persoas que están no proceso de deixar de fumar ou queren facelo, xa que permite un autorexistro da actividade por parte da persoa fumadora e dá recursos para substituír eses pensamentos de querer fumar que moitas veces ten a persoa que o está deixando”, afirmou Rosalía Fernández, psicóloga e técnico de prevención na AECC de Ferrol.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal