Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN E NEDA PRESENTAN UN PROGRAMA CON SELO GALEGO PARA O "V FESTIVAL JAZZ DE RÍA"
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, presentaron o evento xunto cos edís de Cultura de ambos concellos, Guillermo Sánchez e Verónica Vigo, respectivamente, e a directora do festival, Aitana Cuétara
Narón, a 1 de xuño de 2021. O JAZZ con maiúsculas e con denominación de orixe galega volta á ría para unir nesta ocasión as vilas de Narón e Neda. O venres 13 e o sábado 14 de agosto algunhas das mellores propostas de jazz do momento encherán as dúas localidades. O festival continúa fiel ao seu obxectivo de poñer en valor a comarca de Ferrolterra como territorio de referencia para o público da escena jazz en Galicia. Esta mañá presentouse na ponte de Xuvia a programación da 5ª edición do Festival Jazz de Ría. No acto participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, o concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez; a concelleira de Cultura de Neda, Verónica Vigo; e a directora do festival, Aitana Cuétara. Os responsables institucionais e a directora do festival debullaron o programa desta 5ª edición na ponte de Xuvia que une aos dous concellos, escenificando así a colaboración entre as dúas administracións locais e a súa vontade de consolidar o festival e convertelo nunha cita musical de referencia, onde podan participar todos os concellos da ría co obxectivo de crear espazos e proxectos culturais que contribúan a facer de Ferrolterra un destino cultural de calidade. En só catro edicións o Festival Jazz de Ría conseguiu posicionarse dentro do circuito de festivais de jazz da península, ampliando notablemente o seu público e a súa repercusión mediática cunha proposta singular en canto a espazos e músicas, que mereceu unha nominación na categoría de Mellor Festival na edición 2018 dos Premios Martín Códax da Música. Tras celebrarse en Mugardos e Ferrol, onde o festival sementou durante catro edicións o amor polo jazz entre o público de todas as idades, o Jazz de Ría viaxa nesta 5ª edición á descuberta de novos espazos nos concellos de Narón e Neda para presentar unha programación que volverá apostar pola calidade, a diversidade, a posta en valor do territorio, e o apoio incondicional ás propostas artísticas galegas. Narón e Neda manifestaron a súa vontade de consolidar o festival e convertelo nunha cita musical de referencia, onde podan participar todos os concellos da ría para crear espazos e proxectos culturais que contribúan a facer de Ferrolterra un destino cultural de calidade. A proposta artística para esta edición 2021 pretende ter como protagonistas aos mellores músicos galegos de jazz, dando ao mesmo tempo ao público a oportunidade de descubrir propostas doutros territorios, fomentando así os encontros de músicos galegos con músicos doutros lugares e creando un espazo para exportar o noso jazz e importar novas ideas das que aprender. Aitana Cuétara, directora do festival, destacou a presenza no programa da Orquestra Galega de Liberación, "que nos vai dar a oportunidade de xuntar a 17 músicos do máximo nivel nun exercicio de creatividade e de liberdade musical difícil de atopar noutras circunstancias", asegurou. Cuétara engadiu que "grazas a esta proposta, o Jazz de Ría vai ser punto de encontro para unha grande parte do panorama do jazz galego, e iso é o que queremos, que sintan este festival como a súa casa". Todas as actividades do festival van ser abertas e gratuítas, e adaptaranse aos protocolos sanitarios vixentes no momento da súa celebración. O venres 13 de agosto ás 21.30 horas actuará no parque de Freixeiro, en Narón, a Orquestra Galega de Liberación. Está formada por un ensemble de 17 músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á procura de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación. O elenco está constituído por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz e da performance. Dezasete músicos cun percorrido vital e unha traxectoria internacional de tanto peso por separado, que en poucas ocasións poderemos velos xuntos agromando un proxecto tan contemporáneo e tan ancorado no noso hábitat musical de vangarda como este. En febreiro de 2021 a OGL lanza o seu primeiro traballo discográfico, gravado ao vivo na estrea absoluta da formación en Santiago de Compostela. A improvisación dirixida, neste caso polo músico Xacobe Martínez Antelo, convirte cada concerto nun espectáculo único, unha experiencia novidosa e sorprendente para o público e de continua aprendizaxe para os músicos que comparten o proxecto. En Narón, a Orquestra Galega de Liberación ofrecerá o concerto de apertura do festival, unha aposta ambiciosa que consolida ao Jazz de Ría como lugar de encontro para os músicos de jazz galegos. Na xornada do sábado 14, ás 13.00 horas actuará na Ribeira de San Nicolás, en Neda, Aló Django. Neste caso, trátase dun proxecto galego formado en 2008 que busca a inspiración no jazz e na música dos xitanos manouche centroeuropeos: o chamado gypsy swing, un estilo lírico, alegre e acústico cuxo máximo representante é o mítico guitarrista Django Reinhardt. Finalmente, tamén o sábado 14, ás 21.30 horas haberá unha nova cita co jazz no parque de Freixeiro, en Narón, nesa ocasión con Lucía Rey Trío. Lucía Rey é unha pianista e compositora formada no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, especializouse en música moderna e jazz e tamén en danza contemporánea. Continuou os seus estudos centrándose en piano latino no Instituto Superior de Artes de Cuba (La Habana) e máis tarde no Brooklyn Conservatory of Music e en The Collective School of Music (New York), grazas ao que compartiu escenario con numerosos artistas da escena neoiorquina. Xa en España tocou en proxectos moi diversos, achegándose tamén ao flamenco e aos musicais, e compaxinou a súa carreira como compositora e intérprete coa de docente, sendo profesora de música no Conservatorio Superior de Danza de Málaga. Actualmente, ademais de manter algúns proxectos vinculados á danza, lidera o seu propio proxecto. Despois do concerto de Lucía Rey Trío, e na mesma ubicación, o Cuarteto da Terra de Baldo Martínez será o encargado de pechar a programación desta 5ª edición cunha proposta concebida polo contrabaixista ferrolán Baldo Martínez, con 40 anos de traxectoria profesional e posicionado como un dos músicos máis representativos do jazz contemporáneo estatal. Fundador de Clunia e doutros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país, atesoura ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, nunha extensa e riquísima carreira iniciada nos anos 80. No Jazz de Ría 2021 presentará en rigurosa estrea un novo cuarteto, formado integramente por músicos galegos, no que aglutina grande parte do contido dos seus últimos proxectos.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal