Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO RETOMA O FEIRÓN DE SANTA ICÍA QUE TERÁ LUGAR O VINDEIRO DOMINGO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego, anunciaron que haberá preto dun centenar de postos de venda de diferentes produtos
Narón, 30 de xuño de 2021. O Concello de Narón reorganizou por completo o feirón de Santa Icía, un evento que se suspendeu debido á pandemia derivada da Covid-19 e que se retomará o vindeiro domingo, día 4. A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que “os cambios que se programaron na zona na que se desenvolve están pensados para reactivar o feirón, garantir a seguridade e as medidas sanitarias deste evento, cuxa organización pasou a mans do Concello e que contará cun dispositivo especial de control da Policía Local e no que tamén intervirá Protección Civil”. O domingo instalaranse un total de 92 postos de venda, os que entregaron no Concello a documentación requerida para participar neste feirón, tal e como indicou o edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego. O concelleiro explicou en canto á disposición dos mesmos que a partir de agora tan só se ocupará con postos un vial da avenida da Solaina, quedando o outro –en sentido de subida dende a rúa Alexandre Bóveda cara á rúa de Santa Icía- para uso peonil, habilitándose pasos para que a xente poida cruzar sen dificultade, e de vehículos de emerxencia. Así mesmo, instalaranse postos nas rúas Mestre Don Manuel, Francisco Pizarro, Mercedes Freire Llago, Carlota Lestache e na vía peonil entre a rúa da Solaina e a Cristóbal Colón, en todos os casos coa separación requerida para este tipo de eventos e cunha numeración específica para cada un deles. Textil, calzado, alimentación, horta, varios e zona de restauración son as áreas nas que se dividen os postos que estarán cada primeiro domingo de mes no feirón de Santa Icía. Dende o Concello recordouse á veciñanza que estará prohibido estacionar durante o feirón nas rúas nas que se instalen os postos, tal e como se indica na pertinente sinalización e se recolle no plan especial de tráfico que se aplicará na zona. Así mesmo, apelouse á resposabilidade individual para que todas as persoas que acudan cumpran todas as medidas sanitarias en vigor.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal