Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ASINOU OS CONVENIOS DE COLABORACIÓN COAS ASOCIACIÓNS GAIKAI, ASPERGA E COGAMI
Marián Ferreiro destacou o labor que desenvolven estas entidades con diferentes colectivos da cidade
Narón, 23 de xullo de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou os convenios de colaboración coa Asociación Galega de Asperger (Asperga) e coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), ambos en materia de acción social. O importe conxunto destes dous acordos supón unha achega económica por parte do Concello de 7.500 euros. A maiores, tamén asinou un novo convenio coa Asociación Gaikai, en materia de Mocidade, sen importe económico e que permitirá continuar dinamizando ao colectivo de rapazas e rapaces de Narón dende a Casa da Mocidade, lugar de encontro e información dende o que planificarán diversas actividades. A rexedora local asinou este último convenio coa representante de Gaikai, María Elisa Rojas e estivo tamén no acto o edil de Mocidade, Pablo Mauriz. Ferreiro asinou dixitalmente dous convenios, o da entidade Asperga coa representante da entidade, Rita Concepción González. Neste caso o acordo permitirá continuar desenvolvendo na cidade o programa de atención a persoas con síndrome de asperger, un trastorno do espectro do autismo que afecta ás relacións sociais. A rexedora local recordou que ao igual que en anos anteriores, levaranse a cabo, entre outras propostas, obradoiros de ocio terapéutico, considerados de interese social de carácter singular dado o colectivo ao que se dirixen. En concreto realizaranse cinco: de rol, de escape room, de temática medioambiental, de creatividade e de emocións. No que respecta ao convenio con Cogami, que Marián Ferreiro asinou con Anxo Antón, representante da citada entidade, tamén se manterá o compromiso do Concello de contribuír con programas de atención a persoas con discapacidade e promover o desenvolvemento social do colectivo na cidade. A través deste acordo continuarase ofrecendo un servizo que dea resposta ás demandas de atención especializada ás persoas con discapacidade, tal e como figura no documento, con especial atención ás que se atopan en situación de vulnerabilidade. A alcaldesa destacou o labor que entidades como Asperga, e Cogami desenvolven a nivel xeral e, en particular, con persoas da cidade, e tamén o traballo que realizan dende Gaikai coas mozas e mozos de Narón. “A atención ás persoas é fundamental e dende o Concello continuaremos apoiando o gran traballo que realizan neste ámbito asociacións como Asperga, Cogami e Gaikai, que prestan a atención e os servizos que precisan diferentes colectivos da cidade”, destacou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal