Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PASEO DE XUVIA ACOLLERÁ ESTE DOMINGO A "II XORNADA DE EXALTACIÓN DO MARISCO DA RÍA"
O edil de Promoción Económica, Davis Pita, presentou o evento xunto co patrón maior da Confraría de Barallobre, Jorge López, e un representante da Asociación de Percebeiros de Meirás, Javier Castro
Narón, 21 de setembro de 2021. O paseo marítimo de Xuvia acollerá o domingo, día 26, a segunda edición da “Xornada de exaltación do marisco da ría”, unha convocatoria organizada polo Concello en colaboración coa Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, a Asociación de Percebeiros de Meirás, o Golfo Ártabro Norte, a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. O edil de Promoción Económica, David Pita, presentou o evento xunto co patrón maior da Confraría de Barallobre, Jorge López, e un representante da Asociación de Percebeiros de Meirás, Javier Castro. A xornada desenvolverase en horario de mañá e tarde e inclúe varias propostas dirixidas a todo tipo de públicos. Baixo unha gran carpa instalada na zona do paseo de Xuvia, que se abrirá ás 11.00 horas, comercializaranse diferentes variedades de marisco da ría: ameixa babosa, rubia, xapónica, fina, berberechos, marolos, zamburiñas e ostras e a partir das 12.00 horas un biólogo ofrecerá unha conferencia sobre as especies da ría. Máis tarde, tamén profesionais nesta área informarán sobre unha exposición na que se poderán ver anémonas de mar –“ortiguilla de mar”-, ourizo, centolos, bogavantes e nécoras e tamén diferentes aparellos utilizados na pesca e no marisqueo. Ao mediodía ofrecerase a un prezo de 10 euros un menú a base de marisco, en dúas quendas -13.30 e 14.30 horas- e para o que será preciso inscribirse previamente na propia zona do evento ao longo da mañá (ata completar a capacidade da carpa). Durante o xantar, a base de ameixas da ría á mariñeira, tortilla de berberechos, carneiro da ría en salsa e paella de marisco, amenizará a xornada o grupo The Duelist. Pola tarde, ás 16.00 horas retomarase a programación cunha conferencia técnica impartida por persoal da Confraría de Barallobre e ás 17.00 horas haberá un obradoiro infantil. Así mesmo, sobre as 18.00 horas ofreceranse de novo unha serie de informacións sobre a exposición de produtos da ría e aparellos de pesca e ás 19.00 horas haberá un “showcooking” a cargo de Daniel López, propietario do restaurante “O Camiño do Inglés” e integrante do prestixioso Grupo Nove. Ás 20.30 horas regresará a música ao paseo de Xuvia, cun concerto de Songs Volans e a esa mesma hora haberá unha degustación de produtos do mar a cargo das Confrarías. O evento rematará sobre as 22.00 horas. Pita agradeceu a participación tanto da Confraría de Barallobre como da Asociación de Percebeiros de Meirás neste evento e tamén o respaldo da Consellería do Mar, do Galp e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. “Dende o Concello continuaremos impulsando o mantemento destas xornadas, para que continúen sendo unha cita marcada no noso calendario”, asegurou o edil, que incidiu na necesidade de “seguir respaldando ao sector dende as administracións”. Os representantes tanto da Confraría de Barallobre como da Asociación de Percebeiros de Meirás agradeceron a implicación do Concello de Narón na organización destas xornadas de exaltación do marisco da ría. “É moi importante coidar o sector primario, tan necesario na ría de Ferrol, e estamos contentos porque nos concellos da ría haxa esta preocupación pola situación”, apuntou López. Pola súa banda, Castro valorou o feito de que “se dea visibilidade á Asociación de Percebeiros de Meirás, con moitos socios de Narón”. O concelleiro naronés animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a desprazarse este domingo a Xuvia para coñecer de primeira man a calidade e variedade de produtos da nosa ría e o importante labor que desenvolven os profesionais vencellados ao sector primario.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal