Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ACOLLEU HOXE UNHA REUNIÓN PARA PRESENTAR AOS PORTAVOCES DOS GRUPOS POLÍTICOS O PLAN DIRECTOR DO BARRIO DA SOLAINA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a xuntanza, á que acudiron os portavoces de TEGA, Román Romero; PP, Germán Castrillón, e BNG, Olaia Ledo
Narón, 25 de outubro de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu hoxe a reunión á que se convocou aos portavoces dos grupos políticos municipais da corporación para explicar o Plan Director do barrio da Solaina. Representantes da empresa que realizou o traballo de campo e o documento presentado esta mañá no Consistorio, deron a coñecer as liñas xerais deste traballo á rexedora local e os portavoces de Terra Galega, Román Romero; Partido Popular, Germán Castrillón, e BNG, Olaia Ledo. Ferreiro avanzou que o documento tamén se dará a coñecer aos veciños e veciñas da Solaina nun acto público que terá lugar a vindeira semana no barrio. O Plan Director da Solaina é un plan estratéxico integral que se elabora para artellar a rexeneración deste barrio da cidade nos vindeiros anos, afondando na mellora da calidade urbana, a actividade económica e, en definitiva, a calidade de vida dos residentes. Para redactar o documento presentado hoxe analizáronse as rúas, a tipoloxía e usos das construcións, espazos verdes, servizos…Os integrantes da empresa redactora do documento fixeron especial fincapé tamén nos datos demográficos, no planeamento actual da zona, a cobertura do espazo público e analizaron os fluxos tanto de tráfico rodado como peonil polas rúas do barrio. Unha das conclusións ás que se chegou tras analizar toda a información dende a empresa é que “o preferible é realizar unha intervención en conxunto”. Co fin de levala a cabo, tal e como indicaron, plantexouse un paquete de medidas con tres liñas de actuación, que se materializarán en función dos investimentos que se vaian realizando co paso do tempo. Ao respecto indicaron que unha das liñas sería a redistribución da superficie, tanto no que respecta aos percorridos peonís como o tráfico de vehículos; outra para implantar accións que permitan achegar na medida do posible os servizos que actualmente non ten o barrio e que se prevé que non dispoña dos mesmos e a terceira sería a creación do Laboratorio de Ecoloxía Urbana, definido como “a medida máis innovadora do conxunto e cunha lectura transversal”. A través desta última iniciativa contémplase un listado de posibles accións a levar a cabo nas áreas de dinamización social e económica, actividades, asesoramento técnico e administrativo á cidadanía, información e tramitación de subvencións, incentivar a eficiencia enerxética e o aforro de emisións nas edificacións privadas, campañas de divulgación de boas praxes de aforro enerxético no fogar, fomento de iniciativas innovadoras, etc. Todas as liñas de traballo, tal e como se indicou, “deberán contar coa implicación directa de residentes, propietarios e axentes sociais do barrio, tanto nos procesos participativos que se habiliten e de deseño de accións como de execución física dalgunhas medidas”, subliñaron. A rexedora local indicou que se aposta por crear na Solaina “un proxecto semente que sirva de arranque para que novas iniciativas de economía circular e tamén de carácter medioambiental se vaian implementando neste barrio en particular para irse desenvolvendo tamén de xeito progresivo no resto da cidade”. Os representantes da corporación local coincidiron en destacar a importancia deste traballo deseñado para un barrio que se creou a finais da década dos 60 e con preto de 2.700 vivendas.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal