Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E O COMITÉ DE EMPRESA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR VALORARON AS MELLORAS NO SERVIZO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Benestar Social, Catalina García, destacaron as melloras nas condicións laborais do persoal e tamén para as usuarias e usuarios do SAF
Narón, 25 de novembro de 2021. O Concello de Narón acolleu onte unha reunión para abordar as melloras que comezaron a aplicarse no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Benestar Social, Catalina García, participaron no encontro mantido con persoal do comité de empresa do SAF e tamén un asesor sindical, Alejandro Bello, valorando moi positivamente todas as partes as medidas postas en marcha no servizo. A alcaldesa ofreceu ao colectivo o respaldo do Concello “en todo o que poidamos axudar para ofrecer un servizo con boas condicións para o persoal e tamén de calidade para as usuarias e usuarios”. “A coordinación e o entendemento coas traballadoras sociais do Concello experimentou tamén importantes melloras, o que evidentemente repercutirá en beneficio das persoas que precisan este servizo”, apuntou a alcaldesa. Entre as melloras, tal e como se indicou na convocatoria, están o pago dun plus de asistencia –por riba do marcado no convenio autonómico-, a concesión de un día máis de vacacións ao ano para todo o plantel da empresa e o compromiso de que quince días sexan nos meses de verán, a zonificación do traballo, e contratacións a xornada completa –dunha persoa que a tiña pasouse a vinte e dúas-. No transcurso da reunión tamén se abordaron as melloras a aplicar nos turnos de traballo, no feito de cubrir baixas laborais e necesidades puntuais do servizo e, na medida do posible, facilitar que as persoas que traballan durante as fins de semana e os festivos poidan pasar a traballar tamén por semana. No que respecta ao persoal que traballa no Servizo de Axuda no Fogar, realizouse tamén un chamamento para que as persoas formadas ou/e con experiencia nesa área contacten coa empresa para cubrir as necesidades de persoal que se rexistran habitualmente as fins de semana e os festivos, porque a incorporación, segundo indicaron, será inmediata. No Concello de Narón estase atendendo actualmente a través do Servizo de Axuda no Fogar a unhas 230 persoas. A edil de Benestar Social avanzou que a aplicación das medidas adoptadas suporá algúns cambios para as usuarias e usuarios, pero que serán sempre na procura de melloras. “Seguimos traballando para aplicar esas e outras melloras e axilizar poder dar cobertura ás que están en lista de espera”, recalcaron dende o goberno local.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal