Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E ASFEDRO IMPULSAN A CAMPAÑA "CONECTA COA VIDA", SOBRE USO DE DISPOSITIVOS MÓBILES CON ENFOQUE PREVENTIVO
O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, presentou a campaña acompañado por Sari Alabau e Rebeca Graña, presidenta e educadora social, respectivamente, da Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro)
Narón, 13 de xaneiro de 2022. O Concello e a Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro) levarán a cabo nos vindeiros meses unha nova iniciativa vencellada ao convenio que teñen asinado as dúas entidades. Trátase da campaña "Conecta coa vida”, coordinada dende o Servizo Sociocomuntario de Narón e que hoxe presentaron no Concello o edil de Sanidade, Santiago Galego, a presidenta de Asfedro, Sari Alabau e Rebeca Graña, educadora social da citada asociación. A campaña “Conecta coa vida” é a fase final, á súa vez, dunha campaña de sensibilización do uso de dispositivos móbiles, que se levou a cabo baixo o lema “Fóra de onda” e na que participou alumnado de cuarto da ESO do CPR Jorge Juan. Galego recordou que un total de dezasete alumnas e alumnos se implicaron nesta iniciativa no propio centro escolar, cunha liña de actuación que xirou en torno a tres eixos: manexo de conceptos sobre tecnoadiccións, organización e planificación do proceso creativo da campaña de sensibilización e produción, elaboración e presentación do deseño. “O alumnado deseñou seis cartaces e posavasos cun deseño gráfico propio no que explican diferentes condutas que experimentan as persoas que fan uso dos dispositivos móbiles dun xeito abusivo”, explicou Galego, destacando a importancia de recoñecer canto antes esas condutas para poñerlles freo e evitar danos maiores. Vibranxeti, Vamping, Phubbing, Nomofobia, Sexting e Hoax son os termos sobre os que se fai especial incidencia nesta campaña, na que se explica en que consisten e tamén que podemos facer para evitalos. A presidenta de Asfedro destacou a colaboración do Concello incidindo no feito de que “é moi importante o traballo de prevención porque é fundamental para evitar que esta lacra avance”. Ao mesmo tempo, calificou de “moi interesante” a campaña “Conecta coa vida” que xa chegou, tal e como recordou “a moitas alumnas e alumnos da cidade e con moi bos resultados”. Pola súa banda, a educadora social de Asfedro explicou que se trata “dunha campaña en clave humorística, con terminoloxía moi chamativa que conecte coa xente á que queremos chegar”. Sobre a mesma, destacou que “permitirá traballar o tema das novas adicións comportamentais centrándose no tema neste caso dos móbiles porque son a porta de entrada doutras adiccións ás que se accede a través destes dispositivos”. Este mesmo mes comezará a repartirse a cartelería da campaña “Conecta coa vida. O uso do dispositivo cun enfoque preventivo” nos centros de ensino de Secundaria da cidade e nos locais de hostalería que habitualmente frecuentan en Narón as rapazas e rapaces tanto na zona urbana como na rural. Así mesmo, nestes establecementos tamén se entregarán posavasos para sensibilizar ao colectivo nos lugares que frecuenta.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal