Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN LOCAL APROBOU POR UNANIMIDADE A PARTICIPACIÓN DO CONCELLO NO POS+ 2022 PARA INVESTIR NA CIDADE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS
O Concello cofinanciará os traballos enmarcados no plan para mellora de instalacións municipais, da seguridade viaria, dotación de servizos e humanización da cidade
Narón, 27 de xaneiro de 2022. O Concello acolleu esta tarde, ás 19.00 horas, o pleno ordinario de xaneiro, no que entre outros asuntos da orde do día se aprobou por unanimidade a participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS+ 2022) e o Plan Único de Concellos (POS+ Adicional 2022), neste último caso coa abstención dos edís do BNG. Con cargo ás achegas da administración provincial e a fondos do Concello acometeranse nos vindeiros meses actuacións valoradas en algo máis dun millón de euros e tamén se destinarán 173.924 euros a cofinanciar os gastos derivados da prestación do Servizo de Axuda no Fogar, na área de Dependencia. O voceiro de Terra Galega, Román Romero, foi o encargado de explicar as actuacións que se acometerán con cargo ao POS+ 2022 e cofinanciados polo Concello. A dotación de zona verde con equipamento no entorno da rúa Camiño do Peregrino (Piñeiros) -435.000 euros-; o acondicionamento do local da Asociación de Maiores de Santa Icía -262.000 euros-; a mellora da Seguridade Viaria na rúa da Garda -175.000-; a mellora e ordenación do estacionamento no estadio municipal de Río Seco -130.000- e a implantación da rede de saneamento nos lugares de A Modia, Cruceiro, a Ponte e Quintá (na parroquia do Val) –algo máis de 90.000 euros- son as obras que se levarán a cabo con cargo a este plan. No apartado de mocións o PP presentou unha para demandar á empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar a correcta execución do contrato, que non saíu adiante. Dende o goberno local, a concelleira de Benestar Social, Catalina García, calificou de “contraditoria” a exposición de motivos do documento e defendeu o investimento do Concello na citada área, que ronda os tres millóns de euros ao ano. “Estamos facendo un seguemento do cumprimento do contrato dende todos os estamentos”, asegurou, recalcando as reunións que se levan a cabo con representantes da empresa e os requerimentos realizados dende o Concello. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordoulle tamén aos populares que a Xunta de Galicia dende o ano 2009 ata o 2021 non incrementou a súa aportación, facéndoo a instancias da Fegamp trala presión realizada polos concellos nesa liña. O BNG presentou dúas mocións, unha sobre o incremento da seguridade nos pasos de peóns que non se aprobou, defendendo o edil responsable de Seguridade Cidadá, Román Romero, que “dende o Concello levamos tempo traballando nesa liña e seguiremos facéndoo”. O PP presentou tamén unha moción para esixir ao presidente do Goberno central o cesamento inmediato do ministro de Consumo polos seus ataques á gandeiría e ao sector cárnico español. Aprobouse a continuación a moción presentada polo PSOE sobre as políticas de gandeiría. O voceiro do PSOE, David Pita, indicou que España é unha das principais potencias gandeiras e destacou o traballo do goberno central nesa área, así como o apoio ás explotacións sostibles. Finalmente, non se aprobou a moción presentada polo BNG sobre a retransmisión por streaming e en directo dos plenos municipais en Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal