Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO IMPULSA UN CURSO SOBRE "MÁRKETING DIXITAL EN INSTAGRAM E AS SÚAS POSIBLIDADES PARA O COMERCIO" DIRIXIDO AO SECTOR COMERCIAL DA CIDADE
A edil de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha proposta de balde, que oferta vinte prazas e que se impartirá por videoconferencia
Narón, 24 de maio de 2022. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou que o Concello impulsa a través do Servizo de Normalización Lingüística un curso sobre “Márketing dixital en Instagram e as súas posibilidades para o comercio”. A proposta enmárcase no proxecto “Narón gaña co galego” e diríxese ao sector comercial de Narón, “co obxectivo de darlle unha maior presenza e visibilidade no mundo dixital, para poder incrementar a venda de produtos e coñecer as vantaxes de usar o galego nas súas redes sociais”, tal e como indicou Taibo. A actividade terá unha duración de vinte horas, das que trece serán por videoconferencia, sete consistirán en tarefas de carácter práctico e a hora restante será de titoría individualizada para cada participante, tamén por videoconferencia. A previsión é que o curso se imparta de 21.30 a 22.30 horas, de luns a venres dende o 6 ata o 22 de xuño, ambos incluídos. “Co fin de facilitar ao máximo a asistencia ao curso ofrecerase a posibilidade de que aquelas persoas que non poidan asistir a algunha sesión teñan opción de descargala para visualizala posteriormente”, explicou a edil. Os beneficios de Instagram como rede social para o noso comercio, casos de éxito próximos, pasos para crear e configurar o perfil de Instagram, tipos de publicacións, ferramentas e trucos para a edición de imaxe, campañas publicitarias, casos prácticos e a lingua galega no comercio forman parte dos contidos que se abordarán na convocatoria. En total ofértanse vinte prazas, dirixidas aos comercios da cidade, e terán prioridade aqueles establecementos adheridos á campaña “Narón gaña co galego”. As persoas interesadas en inscribirse, de balde, poden facelo a través da dirección de correo electrónico: a.pita@naron.es, debendo indicar no correo o nome da persoa participante, o do comercio que xestiona ou atende, un número de teléfono e unha dirección de correo electrónico de contacto. “Narón gaña co galego” é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ao comercio local e que aposta por animar ao uso do galego no comercio e facilitarlles aos comerciantes materiais, formación e asesoramento en galego para impulsar a venda dos seus produtos e incentivar que a xente merque no comercio local de Narón. Poden adherirse a este proxecto todos os comercios da cidade que o desexen, dispoñendo de toda a información sobre o mesmo na web: www.naronengalego.gal.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal