Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A TERCEIRA EDICIÓN DO GULLIVER FEST DESENVOLVERASE DO 5 AO 7 DE AGOSTO NA ÁREA RECREATIVA DE PEDROSO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Turismo, Natalia Hermida, presentaron o festival con Ángel Sánchez e Martín Vázquez, presidente e secretario respectivamente da Asociación FurgoGalicia
Narón, 3 de xuño de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentaron esta mañá xunto con Ángel Sánchez e Martín Vázquez, presidente e secretario respectivamente da Asociación FurgoGalicia, a terceira edición do Gulliver Fest, organizada polo Concello de Narón, o Padroado da Cultura e a Asociación FurgoGalicia. O evento, moi recoñecido dentro e fóra da cidade, desenvolverase do 5 ao 7 de agosto na área recreativa de Pedroso, tal e como avanzou Ferreiro, e inclúe unha gran variedade de propostas dirixidas a persoas de todas as idades. A rexedora local explicou que as actividades e concertos son de acceso libre, se ben as persoas que desexen acampar coas súas furgonetas, caravanas e autocaravanas poden reservar praza dende o vindeiro luns, día 6 ás 00.00 horas, a través da web: www.gulliverfest.es, donde se ofrece información deste evento O Festival da Cultura viaxeira Gulliver Fest abrirá oficialmente a súa programación o día 5 ás 16.00 horas, se ben as actividades e concertos desenvolveranse os días 6 e 7. O sábado ás 9.00 horas haberá ioga e tamén unha carreira de orientación, cun carácter popular e tamén este ano, como novidade, cunha opción máis deportiva para todas as persoas que desexen participar, que se terán que inscribir previamente. Ao mediodía, sobre as 12.00 horas, haberá unha representación teatral e ás 13.00 horas será o primeiro concerto, a cargo de Martins Aneiros Band. O teatro retomarase pola tarde, ás 16.00 horas, e tamén o sábado celebraranse un obradoiros de creación de chapas e as xa tradicionais Charlas viaxeiras, das que naceu o Gulliver Fest e que este ano terán un especial protagonismo para expoñer as propostas de viaxeiras e viaxeiros que queiran participar, que se poderán anotar tamén a través da web. Para completar o programa desa xornada ás 20.00 horas actuará Fanfarria, ás 21.00 Mississipi Queens & The wet dogs, ás 22.30 será o turno de Brassica Rapa e ás 23.00 pechará o programa a formación Festicultores. Na última xornada, o domingo 7, haberá unha sesión de ioga ás 9.00 horas e ás 11.30 haberá competicións de xogos populares. Ao mediodía, ás 12.00 programouse unha representación de Teatro sobre rodas e ás continuación sucederanse os concertos: ás 13.00 e ás 16.00 horas o de Tambores da Lagoa, ás 14.30 o de Keepers e ás 16.30 actuarán Broken Peach. Na zona da área recreativa de Pedroso tamén haberá foodtrucks para a xente que queira quedar a comer na zona do festival. A concelleira de Turismo destacou que o festival “é unha aposta de hai tres anos que cada ano está máis consolidado e xera unha expectación importante que leva a darlle continuidade”. Hermida agradeceu a participación de todas as persoas implicadas neste evento, en especial o esforzo da Asociación FurgoGalicia e convidou á cidadanía a achegarse a Pedroso esa fin de semana. Pola súa banda, Ángel Sánchez e Martín Vázquez agradeceron a implicación do Concello e do Padroado da Cultura un ano máis neste festival sobre naturaleza, música, viaxes e literatura e animaron ás persoas interesadas a informarse sobre o festival e participar no mesmo, ben acampando na zona ou acudindo aos concertos e actividades programados para os tres días. “Queremos que sexa un festival fiel aos inicios, popular e familiar, pero cunha carreira deportiva este ano para desfrutar tamén do deporte nese espazo natural”, apuntaron. Finalmente a alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou o “entorno privilexiado no que un ano máis se desenvolverá este evento, que a maiores dese completo e interesante programa ofrece a oportunidade de coñecer unha parte da riqueza natural e patrimonial da cidade”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal