A PRAZA DA GÁNDARA ACOLLE A I FEIRA DAS LETRAS, ORGANIZADA POLOS LIBREIROS DE NARÓN EN COLABORACIÓN CO CONCELLO
Os días 21, 22 e 23 de xuño. Haberá actividades paralelas, coma presentación de libros, contacontos, e concertos de música.
Narón, 19 de Xuño de 2013.- A Praza de A Gándara acollerá os días 21, 22 e 23 de xuño (en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas) a I Feira das Letras, organizada polos libreiros de Narón en colaboración co Concello (participarán 4 librerías de Narón: DAY, Cousas, Galicia e Breogán).
O evento foi presentado hoxe en rolda de prensa polo Concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e o Concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, acompañados dos libreiros Antonio Martínez (Librería DAY) e Ricardo Piñeiro (Librería Cousas) . Tamén colaboran as Concellerías de Turismo, Feiras e Mercados, Ensino e Bibliotecas.
Precisamente o Concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, destacou ó respecto o enorme apoio acadado polo Concello para poder promover esta iniciativa, “que desexamos que teña continuidade, ano tras ano” declarou o edil. Na mesma liña, expresouse o Concelleiro de Promoción Económica, ó apuntar que en Narón “enténdese a política dun xeito transversal, e por iso nos involucramos varias concellerías nun mesmo proxecto. Ademáis, a cultura ten moito que ver coa riqueza, e o libro e a cultura enriquecen e crean postos de traballo”, declarou Pablo Villamar.
A Feira das Letras pretende dar a coñecer as novidades editoriais e os fondos das librerías de Narón, e presentar as novas propostas culturais. Tamén é unha actividade de promoción da lectura, mediante o achegamento do libro ó seu potencial lector, ademáis dun espazo de actividade comercial.
Nesta primeira edición prestouse especial atención á programación de contidos para nenos e nenas.
PROGRAMA DA I FEIRA DO LIBRO
Venres 21 de xuño
19:00 horas: Inauguración por parte do Alcalde de Narón, José Manuel Blanco.
19:15 horas: Monólogo de Candido Pazó.
20:00 horas: Presentación do libro “A ansia do lóstrego” de Medos Romero.
Sábado 22 de xuño
12:00 horas: Contacontos “Esto no es una fábrica de sonrisas” de Paula Merlán.
19:00 horas: Presentación do libro “As lendas de Trasancos” por parte da Concelleira de Turismo de Narón, María Rodríguez Porto.
19:30 horas: Concerto infantil “Patente de corso” a cargo do grupo Palitroke (Premio Neira Vilas de Poesía Infantil 2011)
Domingo 23 de xuño
12:00 horas: Presentación do libro “Donde Europa comienza” de Ramón Loureiro.
12:30 horas: Concerto da Xove Banda de Narón.
18:00 horas: Contacontos “O país dos mandóns” a cargo da compañía de Teatro Gazhafellos.
Ademáis, haberá sinatura de libros por parte dos seguintes autores: Anabel Bello Platas, Antonio Seijas, Paula Merlán e Ramón Loureiro.