Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ORGANIZA UNHA NOVA EDICIÓN DE "NOITE NO MOSTEIRO" COA ACTUACIÓN DE ARKO EXPERIENCE, UN ESPECTÁCULO DE ILUMINACIÓN E POESÍA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Festas e Turismo, Natalia Hermida, presentaron o evento
Narón, 14 de xullo de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Festas e Turismo, Natalia Hermida, presentaron hoxe o evento “Noite no mosteiro”, organizado polo Concello e que se celebrará o vindeiro 24 de xullo. A formación “Arko Experience” será a encargada de amenizar a xornada, cun concerto no exterior do mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto) en directo que se ambientará cun espectáculo de iluminación artística e a lectura do poema “Galicia”, autoría do galego Ramón Cabanillas, do seu libro “Vento mareiro”. A alcaldesa explicou que se elixiu esa data “coincidindo coa véspera do Día de Galicia, festividade autonómica dun gran significado as galegas e os galegos”. O grupo musical Arko Experience actuará na zona verde localizada na parte traseira do mosteiro. Intégrano profesionais e docentes con titulación en conservatorios superiores de música e amén na Royal Academy of Music de Londres ou a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, en Santiago de Compostela e amenizarán ao público ao son dos violíns. Hermida explicou que se prevén realizar tres pases, entre as 22.30 e as 01.00 horas, con descansos duns dez minutos entre cada un deles para proceder á renovación do aforo. O espectáculo musical completarase con outro de iluminación artística da fachada exterior do mosteiro de San Martiño de Xuvia, un dos sinais de identidade deste evento que se retoma novamente este ano na cidade. Este ano haberá algunhas novidades en canto aos símbolos que se proxectarán na fachada do cenobio naronés. As persoas que desexen asistir –o aforo máximo é de 300 persoas en total para os tres pases- deberán obter a entrada previamente, de balde, a través da web: www.eventi.es/blog, podendo descargalas dende mañá ás 12.00 horas e debendo amosala no momento de acceder ao recinto do concerto. Haberá un control de acceso, donde tamén se poderá rexistrar o público no caso de non facelo previamente e será obrigatorio en todo momento o uso de máscara e o mantemento da distancia social, así como o resto das normas fixadas pola organización ou que se puidesen indicar dende as autoridades sanitarias debido á evolución da pandemia pola covid-19. O acceso ao recinto estará permitido a partir das 22.00 horas. A alcaldesa e a edil de Festas e Turismo animaron á cidadanía a desfrutar desta xornada “nun entorno inmellorable para celebrar este evento, xa moi coñecido dentro e fóra de Narón”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal