Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE MEDIO MILLEIRO DE ESCOLARES DA CIDADE ASISTIRÁN NAS AULAS A OBRADOIROS DE PRIMEIROS AUXILIOS E SOBRE EVACUACIÓN E CONTRAINCENDIOS
O Concelleiro de Seguridade Cidadá e Speis, Román Romero, destacou os contidos que se abordan nas sesións, cunha parte teórica e outra práctica
Narón, 26 de marzo de 2022. Un total de 526 alumnas e alumnos de centros de ensino da cidade asistirán aos Obradoiros de primeiros auxilios e sobre evacuación e contraincendios organizados dende o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón en colaboración co equipo de Educación Viaria de Narón. Así o indicou o concelleiro responsable das citadas áreas, Román Romero, que informou que a primeira sesión tivo lugar onte no colexio Jorge Juan. “Estes obradoiros impartiranse en todos os colexios da cidade a alumnado de sexto curso de Primaria e tamén ao que asiste ás clases de Mobilidade escolar sostible e segura, de cuarto de Primaria dos centros Ponte de Xuvia, Piñeiros e A Solaina e primeiro de ESO do instituto das Telleiras”, explicou o edil. A iniciativa xorde precisamente desa asignatura e posteriormente, segundo apuntou o concelleiro, decidiuse tamén traballar con estudantes de sexto cuso de Primaria para abordar con eles estas áreas, adaptadas á súa idade e formación. O técnico de Prevención Daniel Lorenzo é a persoa encargada de desprazarse aos centros para impartir os obradoiros, nos que se organizaron en dous bloques, un de primeiros auxilios e outro sobre evacuación e contraincendios, co obxectivo de “fomentar a capacidade de autoprotección do alumnado participante. Cada un destes bloques impártese durante unha hora e en diferentes días, polo que os escolares de cada curso ao que se dirixen asistirán dous días ás sesións. Na primeira xornada abórdase a temática dos Primeiros auxilios: conduta PAS (protexer, alertar e socorrer), os primeiros auxilios (febre, convulsión, contusións, fracturas, cortes, mordeduras, picaduras, intoxicacións, queimaduras…), os primeiros auxilios e os animais domésticos, o Soporte Vital Básico e a caixa de emerxencias. Para impartir a sesión, o técnico en Prevención leva ás aulas diverso material para complementar as explicacións teóricas, como torsos PCR de adulto e infantil, bonecos PCR adulto, bebé e mascota, un peto para practicar a manobra Heimlich, un DESA e unha caixa de emerxencias. Na segunda sesión, sobre Evacuación e loita contraincendios, os menores abordan temas como o teléfono 112, os principios básicos para a prevención de incendios, consellos de autoprotección ante un incendio, uso de medios contraincendios e principios da evacuación e confinamento. O material a empregar, neste caso, son extintores portátiles de auga, bandexa de lume horizontal, monitores de lume en ordenador e papeleira e sinais contraincendios. Á sesión impartida onte, de 11.55 a 12.45 horas, a alumnado de sexto de Primaria do colexio Jorge Juan seguiranlle este mes as previstas o vindeiro luns, día 28, no colexio Ponte de Xuvia, para cuarto de Primaria -10.00 a 10.50 horas; o martes 29 tamén no Ponte de Xuvia, para alumnado de sexto curso de Primaria -10.00 a 10.50-; o 30 no colexio de Piñeiros, con escolares de cuarto de Primaria -10.00 a 10.50- e o 31 tamén en Piñeiros, con alumnado de sexto curso de Primaria -10.00 a 10.50-. As sesións continuarán en abril, maio e xuño nos colexios da Solaina, o CRA de Narón (O Val), o IES Telleiras, no CPR Ayala, no CPI do Feal, e nos centros Virxe do Mar, A Gándara, Santiago Apóstol e Jorge Juan.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal