Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A VIDA NOS CASTROS, ARTESANÍA, GASTRONOMÍA, MÚSICA DE XOSÉ MANUEL BUDIÑO E TEATRO NO "22º OENACH ATLÁNTICO DE SEDES"
A campa do Trece, en Sedes, acollerá durante todo o día un completo programa de actos deseñado polo Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos
Narón, 30 de xullo de 2022. A campa do Trece, en Sedes, acolle hoxe a vixésimo segunda edición do Oenach Atlántico de Sedes. Unha Festa de Interese Turístico de Galicia á que se achegaron ao longo da mañá numerosas persoas que desfrutaron na zona da recreación da vida comunitaria nos castros, a artesanía e a gastronomía propias da época, os xogos populares e a música do gaiteiro galego Xosé Manuel Budino. Ás 11.00 horas comezaron a chegar ao recinto veciñas e veciños que se sumaron a esta convocatoria, organizada polo Padroado da Cultura de Narón en colaboración coa Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes. Foron precisamente integrantes da citada entidade os que se afanaron durante a xornada en preparar as tradicionais bolas de sartén, carne ao caldeiro, bolos preñados e outras viandas que puideron degustar as persoas que se desprazaron á festa. Tamén puideron vestir roupas propias da época para inmortalizar o momento ante algunha das pallozas da campa do Trece. Ademais, as nenas e nenos puideron desfrutar de obradoiros de chapas, de pintura… e outros xogos. Así mesmo, artesáns da cestería, ferreiros, teceláns e tallistas traballaron durante a mañá para dar a coñecer estes oficios, amosando tamén parte do traballo que realizaban e a ferramenta utilizada en cada caso. Ao mediodía, sobre as 13.00 horas, deu comezo o concerto do gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño, que interpretou co seu grupo parte dos temas do seu novo disco. A programación do Oenach Atlántico continúa pola tarde, coa recreación da vida nos castros, o traballo dos artesáns que participan na convocatoria e tamén os xogos populares. Ás 17.00 horas dará comezo a actuación de Rilo e Penadique, que representarán a obra “Asdomare”, un espectáculo para público familiar que crearon na etapa do confinamento e que fala do traballo das mulleres do mar. Xa pola noite, ás 22.30 horas terá lugar no Castro de Eiravedra a tradicional “Noite do Castro”, na que integrantes da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes representarán a obra “O paxaro de Eiravedra”, dirixida por Laura Aneiros e que pechará a programación desta vixésimo segunda edición do Oenach Atlántico de Sedes.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal