Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO APROBA UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE APOIO Á EMPRESA SIDERÚRXICA MEGASA
Tamén foi aprobada outra Declaración Institucional de respaldo ó Ilustre Colexio de Abogados de Ferrol, contra a supresión deste partido xudicial.
Narón, 27 de Xuño de 2013.- A Corporación Municipal de Narón celebrou hoxe o Pleno Ordinario correspondente ó mes de xuño, no que foron aprobadas por unanimidade dúas declaracións institucionais: -Declaración institucional de apoio á empresa Megasa 1º O Concello Pleno de Narón desexa amosar o seu apoio aos traballadores así como á dirección da empresa na defensa da continuidade da siderúrxica Megasa. 2º Solicitarlle ás administracións implicadas, que se alcance unha solución normativa satisfactoria que poña fin á quebra das condicións de igualdade que teñen presidido a actuación das empresas do sector siderúrxico, con anterioridade á aprobación da Orde Ministerial anteriormente citada. (Orde ITC/2804/2012 de 27 de decembro pola que se modifica a Orde ITC/2370/2007 de 26 de xullo que regula o servizo de xestión da demanda de interrumpibilidade para os consumidores que adquiran a súa enerxía no mercado de produción). 3º Reiterar a solicitude de entrevista do Comité de Empresa co Presidente da Xunta de Galicia. 4º Comunicar esta Declaración Institucional ó Presidente do Goberno, ó Ministerio de Industria e ó Presidente da Xunta de Galicia. Os traballadores de Megasa asistiron ó Pleno, onde un portavoz tomou a palabra para esixir unha solución que evite o peche desta empresa. O Alcalde de Narón aseguroulles que “contades co Concello nesta loita, porque tódolos grupos estamos unidos para que o día 1 de novembro poidades seguir traballando”. -Declaración institucional de apoio ao Ilustre Colexio de Avogados de Ferrol Ante a posible supresión do Ilustre Colexio de Avogados de Ferrol, habido o borrador do texto de anteproxecto da Lei de colexios profesionais, este concello quere manifestar o seu expreso apoio ó Colexio de Avogados de Ferrol, que con máis de sesenta anos de antigüidade, é unha institución de grande arraigamento na cidade e bisbarra de Ferrolterra e que ao longo da súa historia desenvolveu e continúa desenvolvendo unha importante función social en defensa do estado de dereito e dos dereitos da cidadanía, especialmente daqueles colectivos máis desfavorecidos ou que sufriron a violencia ou a marxinación, polo que rexeitamos calquera supresión dunha institución que é necesaria e é un valor e referente na nosa comarca. Acórdase instar ó Goberno Central para que calquera proposta normativa de modificación que se leve adiante no actual sistema xudicial, atendendo á profunda incidencia que vai ter tanto nos profesionais da Avogacía coma na cidadanía en xeral, se faga co necesario consenso institucional. Dentro dos asuntos previstos na Orde do Día, tamén se acordou establecer a porcentaxe de reserva total de solo para vivenda protexida en Narón para o ano 2013 no 7,11%. O Concello incrementa así a superficie destinada a esta actuación, fixada anteriormente nun 3,24% -sen necesidade de modificar o Plan Xeral de Urbanismo- equiparándose á porcentaxe media para o conxunto de Galicia. No apartado de mocións, foron debatidos os seguintes textos: -Moción do PSdeG-PSOE sobre as consecuencias da Reforma Local do Goberno nas políticas de igualdade. Foi aprobada cos votos a favor de tódolos grupos políticos (TEGA, PSOE, BNG e Grupo Mixto) agás o voto en contra do PP. Nesta moción acórdase reafirmar a autonomía local e a transcendencia do papel das entidades locais na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e nas políticas de prevención e asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero. Tamén se defende que as entidades locais deban seguir tendo competencia en materia de igualdade de xénero, prevención e asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero, para garantir os dereitos das mulleres. Instase ó Goberno á retirada deste anteproxecto de Lei, por supor un desmantelamento dos servizos de promoción á muller que prestan as corporacións locais, ó eliminar as competencias que veñen prestando en materia de igualdade e contra a violencia de xénero. Asimesmo, ínstase ó Goberno de España a que abra un proceso de diálogo e consenso para a reforma da Lei de Bases de Réxime Local con todos os grupos parlamentarios, os sindicatos, a FEGAMP e a FEMP. Por último, darase traslado desta acordo ó Goberno de España, á FEGAMP, á FEMP e ós Grupos Parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Parlamento Galego. -Moción do PSdeG-PSOE e BNG para o impulso e modernización do ferrocarril na Galiza. Aprobada por tódolos grupos salvo o PP que votou en contra. Entre outras propostas, ínstase á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno Central a retirada do Plan de Racionalización do Transporte Ferroviario aprobado no Consello de Ministros do 28/12/2012 e a que desista do proceso de desmantelamento e privatización dos servizos ferroviarios de Galicia, reclamando o mantemento das liñas existentes, entre elas A Coruña-Ferrol, así coma a restauración das paradas e os servizos eliminados dos actuais servizos de media distancia Ferrol-A Coruña, coordinando ademáis os horarios coas do resto do Eixo Atlántico e Ourense, para mellorar as comunicacións de Ferrolterra con toda Galiza e Portugal.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal