A CARPA INFORMATIVA 'XPLORA XUVENTUDE' CHEGA Ó APARCADOIRO DO IES TERRA DE TRASANCOS
Trátase dunha campaña solicitada pola Concellería de Mocidade á Xunta de Galicia.
Narón, 17 de Setembro de 2013.- O aparcadoiro do IES Terra de Trasancos acollerá, o vindeiro xoves 19 de setembro en horario de 10:00 a 13:00 horas, a carpa informativa “XPlora Xuventude”.
A instalación desta carpa foi solicitada pola Concelleira de Mocidade de Narón, Natalia Hermida, á Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, de que depende esta campaña. A través desta iniciativa, téntase chegar a pé de rúa os distintos programas e recursos destinados á mocidade.
Na instalación ofertaranse contidos de interese, e asesoramento de técnicos especializados, que forman parte da Rede Galega de Dinamización Xuvenil. A carpa tamén servirá como espazo para que grupos de mozos/as, así coma entidades xuvenís, poidan amosar as súas actividades e propostas, a modo dun escaparate do talento xuvenil.
Esta iniciativa percorrerá un total de 40 concellos galegos co obxectivo de difundir os distintos recursos dirixidos á xuventude.