AS XORNADAS "ARRINCA NARÓN 2013" CELÉBRANSE OS DÍAS 8 E 9 DE NOVEMBRO NA COOPERATIVA DE O VAL
Pensadas para orientar e asesorar a futuros emprendedores nos seus proxectos de negocio.
Narón, 18 de Outubro de 2013.- Os Concelleiros de Formación Laboral e Emprego (Mª del Mar Gómez) e Promoción Económica (Pablo Villamar) de Narón, os xerentes da Cooperativa de O Val (José Manuel Castro) e da Fundación Terra de Trasancos (Eugenia Méndez) e o responsable de Arrinca (Ero Sante) presentaron hoxe en rolda de prensa o evento “Arrinca Narón 2013”.
Trátase dunhas xornadas para apoiar o comezo ou desenvolvemento de iniciativas de emprendemento na zona. Terán lugar os días 8 e 9 de novembro, no salón de actos da Cooperativa de O Val. Nesa fin de semana, varias persoas expertas ofrecerán gratuitamente a súa experiencia para asesorar a quen se inscriba na actividade, coa idea de madurar algún proxecto concreto.
Os interesados en participar –prazas limitadas- poderán realizalo inscribíndose na web: http://arrinca.org. O importe das inscricións é de 15€ para os participantes que colaboran nos proxectos doutras persoas, e de 30€ para os participantes que presenten un proxecto propio.
O programa destas xornadas é o seguinte:
Venres 8 de novembro (de 16:30 a 20:30 horas)
16:30 horas: Presentación do evento
17:00 horas: Dinámicas interpersoais
18:00 horas: Descanso
18:30 horas: Presentación de proxectos
20:00 horas: Formación de grupos de traballo
Sábado 9 de novembro (de 10:00 a 20:00 horas)
10:00 horas: Traballo en grupos
11:30 horas: Descanso
12:00 horas: Traballo con mentores
13:30 horas: Presentación informativa da Cooperativa de O Val
14:00 horas: Comida
16:00 horas: Traballo en grupos
17:00 horas: Descanso
17:30 horas: Conclusións
19:00 horas: Posta en común e peche do evento
Na presentación destas xornadas, o Concelleiro de Promoción Económica de Narón, Pablo Villamar, destacou a importancia de celebrar un evento destas características, no que se trata de asesorar ós emprendedores no seu proxecto de negocio. “O Concello non é alleo ó espírito emprendedor e por iso non podíamos deixar pasar esta oportunidade”, sinalou o edil en referencia á colaboración municipal nesta iniciativa.
Tamén a Concelleira de Formación Laboral e Emprego expresouse en similares termos. Mª del Mar Gómez felicitou ós organizadores de Arrinca Narón 2013, sinalando que “esta é unha idea novidosa e dende o Concello estamos abertos á colaboración e queremos que se repita esta iniciativa tódalas veces que sexa preciso”, indicou.
Que é Arrinca?
Estas xornadas están organizadas por Arrinca, que é un proxecto colaborativo galego que nace para axudar a xente cunha idea de negocio, para que poida desenvolvela e facela realidade. Os futuros emprendedores poderán asesorarse, contrastar a súa idea de negocio e buscar posibles socios.
O obxectivo de Arrinca é reunir a persoas con distintos perfís profesionais ou aptitudes persoais para colaborar, desinteresadamente, sobre os proxectos participantes nos distintos eventos. Deste xeito, preténdese favorecer a posta en marcha de novos negocios, a creación de postos de traballo e a mellora económica nas distintas rexións de Galicia onde se organice un evento Arrinca.
Teñen cabida como beneficiarios deste proxecto tanto as persoas cun proxecto empresarial que precisa ser contrastado ou mellorado, como as PEMEs que xa están en funcionamento pero que buscan axuda para optimizar ou modernizar o seu modelo de negocio.
Para máis información, pódese consultar a web do evento: http://naron.arrinca.org