PRESENTACIÓN DO CONCURSO DE TAPAS DO "ENTROIDO 2014" PARA ESTABLECEMENTOS DE HOSTALERÍA DE NARÓN
Os propietarios dos locais que desexen participar poden inscribirse ata o martes 18 de febreiro. A degustación realizarase do 27 de febreiro ó 5 de marzo
Narón, 11 de Febreiro de 2014.- Tras o éxito das accións desenvolvidas no marco do programa Narón Gastronómico no ano 2013 e co fin de seguir promocionando a riqueza culinaria naronesa, poñer en valor os seus produtos e dinamizar a economía local, a Concellería de Promoción Económica de Narón, dirixida polo edil Pablo Villamar, convoca o Concurso de Entroido 2014.
Segundo explicou esta mañá o edil, o certame desenvolverase do 27 de febreiro ó 5 de marzo. Nel poderán participar todos os establecementos de hostalería do ámbito municipal de Narón, mediante rigurosa orde de inscrición ata o martes 18 de febreiro de 2014 chamando ao teléfono 981 337 700 (Ext.1204) ou escribindo ao correo electrónico narongastronomico@naron.es
Para participar é necesario disponer de todas as licencias oportunas.
REQUISITOS
Os establecementos poderán participar con unha, dúas ou tres tapas que poden ser doces ou salgadas e que se servirán ao público nas datas que dure o concurso, sempre respectando o horario mínimo de 13:00 a 15:30 horas e de 20:00 ás 22:30 horas. Os locais que o desexen poderán ofrecer a degustación durante máis tempo. As tapas serán gratuítas.
A cada participante entregaráselle material promocional, folleto informativo, unha urna e tarxetas para que os clientes poidan emitir o seu voto. Se algún usuario presenta unha reclamación por escrito por non estar disponible a tapa, o participante será descalificado e eliminado do concurso.
PREMIOS
Establécense 4 premios en total: Un de votación popular e tres de votación polo xurado.
Votación Popular:
Este galardón decídeo o público que visite os establecementos durante as datas indicadas, puntuando do 1 ao 5 a tapa degustada e depositando o seu voto nunha urna colocada no mostrador.
O sistema do reconto dos votos emitidos polo público farase mediante a suma de todos os puntos obtidos polo establecemento e tapa, (admitíndose só un voto por cada tapa, é dicir, un único voto por cliente e tapa). No caso de que o establecemento hostaleiro ofreza máis dunha tapa, poderase votar só unha vez por cada unha delas.
Votación polo Xurado:
Haberá 1º, 2º e 3º Premio de votación polo xurado.
O dito xurado será designado pola organización e estará composto por un membro do concello, un crítico gastronómico e un cociñeiro.
O xurado fará a degustación das tapas participantes durante as datas que dure o concurso, valorando de 1 a 5 puntos a presentación, sabor, elaboración e adecuación da creación gastronómica ás festas do Entroido.
O nome dos establecementos premiados darase a coñecer a través da web do Concello.
AGASALLOS
Os agasallos serán os seguintes:
- Premio Votación Popular: 300 euros e diploma acreditativo
- Premios do Xurado
1º Premio. 500 euros e placa.
2º Premio. 300 euros e placa.
3º Premio. 200 euros e placa.
Público participante: Sortearanse 5 ceas para dúas persoas entre o público que participe nas votacións do concurso. A organización porase en contacto telefónico coas persoas que resulten agraciadas.
PROMOCIÓN DO CONCURSO
Todos os participantes deberán colaborar coas accións de promoción que faga a organización.
Todos os establecementos deberán exhibir nun lugar visible o cartel que os identificará como participantes no certame e dispoñer dos cupóns e as urnas para depositar os votos populares.